Nova: Carlos Scolari reflexiona no Gaiás sobre a revolución dixital na última sesión do Nexos 2015
12/12/2015
Carlos Scolari reflexiona no Gaiás sobre a revolución dixital na última sesión do Nexos 2015
O ciclo de cultura contemporánea volverá en 2016 con catro novas sesións dedicadas ao cine, a arquitectura, Shakespeare e Cervantes e o turismo
Este luns, 14 de decembro, ábrense as inscricións para a sesión ‘Do realismo no cine ao xénero documental’, que terá lugar o 16 de xaneiro e como convidada á directora de cine Gracia Querejeta
Santiago, 12 de decembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reflexionou esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás sobre a revolución dixital da man dun dos maiores expertos na materia: Carlos A. Scolari. Foi na última sesión deste 2015 de ‘Nexos’, o ciclo de cultura contemporánea co que a Cidade da Cultura busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento.
Baixo o título ‘A revolución dixital e a nova Humanidade’, o investigador e ensaísta arxentino Carlos A. Scolari desvelou algunhas das claves deste fenómeno e dos seus controvertidos efectos na vida cotiá, na esfera social, no modelo económico e na organización política. A sesión completouse coa estrea da obra ‘La misma piel’ do colectivo Voltage Opposites, unha proposta onde a danza contemporánea converxe coa videocreación.
A mañá deste sábado completouse cunha sesión infantil, dirixida a nenos de 6 a 12 anos, na que os participantes puideron descubrir como se vivía na era analóxica, con traballos manuais que acabarán nunha exposición colectiva.
E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes foron convidados tras a sesión a un viño por cortesía da bodega Martín Códax, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións. A programación deste 2015 contou coa colaboración do Instituto Camoes de Portugal e, unha vez máis, coa Rede Internacional de Universidades Lectoras.
Vindeira sesión: 16 de xaneiro
Nexos volverá en 2016 con catro novas sesións que propoñen desta vez un diálogo entre temáticas tan variadas como o cinema documental, a arquitectura, a historia da literatura e o turismo.
A Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá o 16 de xaneiro a sesión ‘Do realismo no cine ao xénero documental’, que contará coa presenza da directora de cine Gracia Querejeta. Tras a charla con ela, os asistentes poderán asistir á proxección de dúas curtametraxes documentais: “Galicia” (8’) de Carlos Velo e “Ser e Voltar” (14’), peza de Xacio Baño, rodada en 2014, seleccionada para o Festival de Locarno (Suiza) e gañadora do premio Canal + no Festival de Clermont – Ferrand (Francia).
As inscricións para esta nova sesión abriranse o vindeiro luns, 14 de decembro.
O 20 de febreiro será a quenda da arquitectura coa sesión ‘Novísimas miradas da arquitectura galega’, na que se trazará unha panorámica sobre esas novas olladas, os autores que están a despuntar e as correntes que se albiscan nun futuro inmediato con Guadalupe Piñera, do estudo Irisarri-Piñera; e Elizabeth Abalo, de abalo alonso. Tras os relatorios, a sesión completarase co espectáculo poético-musical ‘O lugar que non hai’ a cargo do pianista Pablo Seoane e o poeta Estevo Creus.
E da arquitectura á literatura coa sesión ‘Últimos días con Shakespeare e Cervantes’, que terá lugar o 12 de abril. O ciclo ‘Nexos’ quere celebrar así o 400 aniversario do falacemento de Miguel de Cervantes e de William Shakespeare, cumios das letras en lingua española e inglesa, que terá lugar o 16 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro. O escritor e xornalista Juan Bonilla será o encargo de relatorio, ao que seguirá o concerto ‘Músicas arredor de Cervantes e Shakespeare’ a cargo do Grupo 1500 de Música Antiga.
Finalmente, ‘Nexos’ celebrará o 28 de maio a sesión ‘Turismo: entre o parque de atraccións e as invasións bárbaras’, onde se reflexionará sobre as luces e as sombras dun fenómeno que non para de medrar desde mediados do século XIX, e cuxos movementos a escala global xa superar os mil millóns de persoas cada ano. Para disertar sobre este tema, a Biblioteca e Arquivo de Galicia contará con Lluís Bonet, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Barcelona.
Esta sesión contará, ademais, con dous dos máis grandes cómicos da escena galega: Mofa e Befa, que presentarán a súa última acción ‘We are di..erents’, na que un turista é despoxado das súas múltiples máscaras para desvelar a súa auténtica natureza: a de monstro devorador das diferenzas.
Catro novas sesións para nenos
En xaneiro volve tamén ‘Nexos infantil’, con sesións especialmente deseñadas para que nenos de 6 a 12 anos se acheguen ás letras e ao pensamento a través de lecturas, xogos e actividades didácticas.
Así, o 16 de xaneiro, ‘Nexos infantil’ arranca cunha proxección de cine, na que ademais de personalizar diversos personaxes, os nenos participantes gravarán un mini documental. O 20 de febreiro, os participantes realizarán un achegamento á arquitectura a través de diversos xogos para concluír creando as súas propias maquetas e deseños. O 16 de abril será unha cita cos dous autores universais protagonistas: Shakespeare e Cervantes. E por último, o 28 de maio, ‘Nexos infantil’ convida aos pequenos a converterse en turistas.