Nova: BocAberta reflexiona sobre a tolerancia no espectáculo familiar que representa no Salón Teatro

16/12/2015

BocAberta reflexiona sobre a tolerancia no espectáculo familiar que representa no Salón Teatro

A tropa trapalleira poderá verse en Santiago de Compostela do venres 18 ao domingo 20, ás 18.00 horas

Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez protagonizan este espectáculo no que empregan o humor para defender a solución pacífica dos conflitos e poñer en valor a amizade, o respecto, o compañeirismo e o amor

Santiago, 16 de decembro de 2015.- A nova compañía compostelá BocAberta representará esta fin de semana no Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o seu último espectáculo, ‘A tropa trapalleira’, unha comedia para público familiar que poderá verse neste espazo de Santiago do venres 18 ao domingo 20, ás 18.00 horas.

Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez protagonizan esta proposta, da que hoxe mércores e mañá xoves se ofrecen tamén pases matinais concertados con diferentes centros escolares. Con dirección colectiva a partir do texto do dramaturgo xienense Tomás Afán Muñoz, a peza está recomendada a partir dos seis anos de idade.

Rosiña, Laranxiño e Mariña son os personaxes desta ‘tropa trapalleira’, que nos presenta un espectáculo dinámico e colorista, ademais de botar man do humor para invocar a tolerancia e a solución pacífica dos conflitos. A través da música, a videocreación e o traballo corporal dos actores, que bebe da farsa e da Commedia dell’arte, constrúese un universo de diversión que ten como finalidade poñer en valor a amizade, o respecto, o compañeirismo e o amor.

Venda de entradas
As entradas para as súas tres funcións no Salón Teatro poderán adquirirse no despacho de billetes, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

Con esta proposta de BocAberta, o espazo compostelán encara a recta final da súa programación de 2015, que concluirá o mércores 30 con Traspediante e o seu espectáculo ‘Up2Down’. A compañía de Paula Quintas e Marta Alonso conta coa colaboración de Pistacatro para esta montaxe de circo-danza, xestualidade e poesía visual.

Comparte