Nova: Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal

27/06/2014

Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal

O titular de Cultura e Educación destacou a importancia desta iniciativa para nos dotar dun destino escénico común entre os creadores e os espectadores dos dous territorios

Forman parte do proxecto o Teatro Nacional Dona María II e a Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa, o Teatro Nacional São João e a Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo de Porto, o Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

Dous grupos de nove alumnos das distintas especialidades de Artes Escénicas participarán na produción e nas representacións dun espectáculo en Portugal en 2015 e doutro en Galicia en 2016
 

  • Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal
  • Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal
  • Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal
  • Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal Xesús Vázquez Abad presenta no Salón Teatro compostelán o ‘Proxecto Nós’, que promoverá o desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal

Santiago, 27 de xuño de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá no Salón Teatro de Santiago o ‘Proxecto Nós Territorio (Es)cénico Portugal Galicia’, que durante os dous vindeiros anos permitirá levar adiante unha ambiciosa experiencia de intercambio e ensino teatral entre os máis importantes teatros públicos e centros de formación en artes escénicas ás dúas beiras do Miño. Unha iniciativa de gran relevancia “para o avance do desenvolvemento dos sistemas teatrais de Galicia e de Portugal, para cada un deles por separado e, sobre todo, para os dous en conxunto”, en palabras de Vázquez Abad.

“Trátase dun proxecto —clarificou o titular de Cultura da Xunta— que abrangue temporalmente dous anos: 2015 e 2016, no que se asentan unhas bases sólidas para un destino escénico común entre territorios, entre creadores e espectadores unidos pola complicidade de poder construír e de querer recibir novas propostas teatrais froito dun espazo xeográfico e teatral compartido, ese ‘Territorio (Es)cénico Portugal-Galicia’ que traza o Proxecto Nós.”

Na súa intervención, o conselleiro incidiu na importancia de que o proxecto teña como piares unha secuencia lóxica que crea unha cadea de valor como é “a formación e a posterior exhibición”, polo que isto ten de valor engadido. “A presenza integrada neste ‘Proxecto Nós’ de estruturas de produción e de ensino é a mellor garantía para acadar o seu obxectivo xeral de apertura do teatro á comunidade”, explicou Vázquez Abad.

Neste sentido, Vázquez Abad quixo destacar que este proxecto define un salto cualitativo nos modelos habituais de coprodución “na medida en que sitúa como horizonte principal o acollemento de estudantes de teatro para prácticas artísticas, co propósito de facilitar a súa inserción laboral futura, contribuíndo ao perfeccionamento e desenvolvemento do seu proceso formativo cara á súa integración no ámbito profesional.”

Na rolda de prensa interviñeron, ademais do conselleiro, o director-geral das Artes do Governo de Portugal, Samuel Rego; o presidente do Consello de Administración do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Carlos Vargas; e o director artístico do Teatro Nacional São João de Porto, Nuno Carinhas. Tamén estiveron presentes os representantes das escolas galega e portuguesas que forman parte do proxecto, ademais do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil e do director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede.

Estrutura de ‘Nós’
No ‘Proxecto Nós Territorio (Es)cénico Portugal-Galicia’ participan, por parte portuguesa, o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, o Teatro Nacional São João de Porto, a Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Instituto Politécnico do Porto e a Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) do Instituto Politécnico de Lisboa; e pola parte galega, a Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Dramático Galego e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

No marco de ‘Nós’ produciranse, montaranse e faranse representacións públicas de dous espectáculos distintos en Portugal e en Galicia. Así, esta iniciativa escénica contempla dúas edicións: a primeira en Portugal, en 2015, e a segunda en Galicia, en 2016. En cada unha delas participarán un total de 9 alumnos de interpretación, das especialidades técnicas e de dirección de escena da ESAD, da ESMAE e da ESTC. Cada centro achegará 3 alumnos, e ao equipo resultante de estudantes sumaranse un director e un dramaturgo profesionais.

O plan de traballo da primeira compañía comezará en abril de 2015 cun mes de ensaios en Porto e outro en Lisboa. A estrea deste primeiro espectáculo, que dirixirá o portugués Pedro Penim a partir da dramaturxia que escribirá expresamente José Maria Vieira Mendes, será o 3 de xuño no Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, onde se exhibirá ata o día 7. A continuación se representará en Porto (no Teatro Carlos Alberto, do 10 ao 14 de xuño) e en Santiago de Compostela (no Salón Teatro, do 17 ao 21 de xuño). En reciprocidade, a montaxe que se producirá en Galicia, ensaiarase e distribuirase en datas similares de 2016.

A programación de Nós vén a dar cumprimento ao disposto na Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, na que os poderes públicos galegos promoverán o coñecemento tanto da lingua como da cultura portuguesa para afondar nos lazos históricos que unen a Galicia cos países e comunidades europeas, americanas e africanas do ámbito lusófono.
 

Comparte