Nova: O Teatro Principal de Ourense ofrecerá 24 citas coa escena e a música no primeiro semestre de 2016

17/12/2015

O Teatro Principal de Ourense ofrecerá 24 citas coa escena e a música no primeiro semestre de 2016

A Rede Galega de Teatros e Auditorios promoverá 320 funcións en 39 espazos galegos entre xaneiro e xuño

O concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Moldavia, o inicio do ciclo Enclave de Cámara, Blanca Portillo con ‘El testamento de María’ e Mofa e Befa con ‘Bobas & Galegas’ conforman a programación de xaneiro
 

  • Mofa&Befa co espectáculo de Bobas&Galegas forman parte da programación de xaneiro
  • Jacobo Sutil na presentación da carteleira Jacobo Sutil na presentación da carteleira

Ourense, 17 de decembro de 2015.- O Teatro Principal de Ourense presentou a programación que lles ofrecerá aos seus espectadores no primeiro semestre de 2016, durante o que acollerá 24 citas coa escena e a música da man tanto de formacións galegas como de recoñecidos artistas e creadores do panorama estatal.

O director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e o asesor de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, Aurelio Gómez, interviñeron na presentación desta nova carteleira, na que a música clásica comparte protagonismo cunha oferta teatral na que atopamos grandes nomes da escena española como Blanca Portillo, Rafael Álvarez “El Brujo” ou Concha Velasco, ademais das compañías galegas Mofa e Befa, Etiqueta Negra e Teatro do Noroeste.

Xunto coas funcións promovidas directamente pola Deputación Provincial como entidade xestora deste espazo ourensán, entre as actividades deste semestre inclúense tamén os concertos patrocinados polo Concello de Ourense dentro dos ciclos Enclave de Cámara e Pórtico do Paraíso, a celebración en marzo da 21ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), as funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios, en colaboración coa Agadic, e do circuíto Platea, co apoio do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM).

Programación en rede
Na súa intervención, Jacobo Sutil referiuse á promoción conxunta de cinco destas representacións entre a Agadic e o Teatro Principal de Ourense, como socio da Rede Galega de Teatros e Auditorios: ‘El rey’, produción de Teatro del Barrio dirixida por Alberto San Juan (28 de febreiro); ‘Páncreas’, unha coprodución do Centro Dramático Nacional e Concha Busto (8 de maio); ‘Palabras malditas’, de Teatro do Noroeste (28 e 29 de maio); e ‘Os amores de Jacques o fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas (9 de xuño).

O director da Agadic subliñou que esta colaboración estreita e continuada “contribúe á finalidade común de acadar a máxima difusión das artes escénicas na nosa Comunidade, co dobre obxectivo de dinamizar o mercado interior para os espectáculos aquí producidos e de favorecer o acceso dos espectadores galegos a propostas de éxito procedentes de fóra de Galicia”.

Sutil anunciou, ademais, que durante o primeiro semestre de 2016 a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá un total de 320 funcións, 289 delas a cargo de compañías galegas, en 39 espazos das catro provincias galegas. “Estas cifras constitúen unha excelente noticia para os nosos escenarios, xa que supoñen un incremento en número de funcións do 25 por cento respecto ao mesmo semestre de 2015”.

De xaneiro a xuño
En canto á carteleira do Teatro Principal, a actividade de 2016 arrancará o 3 de xaneiro cun concerto de Aninovo a cargo da Orquestra Filharmónica de Moldavia, ao que seguirán o recital de Amparo Lacruz e Andreu Riera (7 de xaneiro) dentro do ciclo Enclave de Cámara; ‘El testamento de María’, coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance Producciones Teatrales que interpreta Blanca Portillo (17 de xaneiro); e ‘Bobas & galegas (Mofa & Befa no século d’ouro)’, de Producións Teatráis Excéntricas (31 de xaneiro).

Nesta programación semestral destacan, así mesmo, propostas como ‘La mirada del otro’, de María San Miguel e Chani Martín (12 de marzo); ‘Amigos ata a morte’, de Javier Veiga e Etiqueta Negra (18 de marzo); ‘Misterios del Quijote’, de Rafael Álvarez ‘El Brujo’ (17 de abril); o espectáculo coreográfico ‘Latente’, de Paula Quintana (14 de maio); e ‘Reina Juana’, de Ernesto Caballero, con dirección de Gerardo Vera e interpretación de Concha Velasco (16 de xuño).

 

Comparte