Nova: O Salón Teatro de Cultura e Educación acolle este domingo as estreas dun musical e dunha curtametraxe promovidos pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia

27/06/2014

O Salón Teatro de Cultura e Educación acolle este domingo as estreas dun musical e dunha curtametraxe promovidos pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia

A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC deseñou os programas de enriquecemento que deron lugar á creación destas pezas artísticas por parte dos propios alumnos e alumnas

Os nenos e nenas participantes no Proxecto QVO 2.0, desenvolvido na Domus da Coruña durante este curso académico, porán en escena unha versión musical da traxedia de Romeo e Xulieta

Durante esta xornada, que dará comezo ás 19.00 horas, proxectarase a fita ‘Mobile Lovers by Bansky’, elaborada por dous grupos de adolescentes como resultado final dun obradoiro sobre interpretación

  • ‘Mobile Lovers by Bansky’ ‘Mobile Lovers by Bansky’

Santiago, 27 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis na xornada artística promovida pola Asociación de Altas Capacidades (Asac) de Galicia e a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para compartir cos espectadores os traballos realizados nos diferentes programas de enriquecemento especialmente deseñados para alumnos e alumnas cun potencial elevado.

Con tal fin, Cultura e Educación cede o Salón Teatro de Santiago para as estreas, este domingo 29 de xuño a partir das 19.00 horas, do musical ‘Romeo e Xulieta’ e da curtametraxe ‘Mobile Lovers by Bansky’. A entrada será libre ata completar a capacidade do teatro.

Perspectiva multidisciplinar
Os nenos e nenas participantes no Proxecto QVO 2.0, desenvolvido durante este curso na Domus da Coruña, exhibirán neste escenario a súa versión musical da traxedia de Romeo e Xulieta, de William Shakespeare. A través desta iniciativa, deseñada pola Unidade de Atención Educactiva en Altas Capacidades para o programa municipal EducaCoruña, o alumnado tivo a oportunidade de afondar desde unha perspectiva multidisciplinar en cada un dos aspectos necesarios para levar a escena esta montaxe.

Pola súa banda, ‘Mobile Lovers by Bansky’ é o resultado do traballo realizado por dous grupos de adolescentes (Libra e Cáncer) durante o obradoiro ‘O mundo da interpretación’, unha das actividades do Programa de Enriquecemento para Nenos e Nenas de Altas Capacidades da Asac, dirixido e coordinado así mesmo polo devandito departamento especializado da USC. Neste caso, contouse coas achegas na dirección, realización e pedagoxía do guionista e director audiovisual Edu Lavandeira e da actriz Estíbaliz Veiga.

O obxectivo desta sesión artística é amosar e difundir dous exemplos do labor que se está a levar a cabo con alumnos e alumnas de altas capacidades en Galicia, así como incidir na importancia de prestarlles unha atención específica e especializada aos estudantes que contan cun potencial elevado.

Comparte