Nova: Danza 3 pechará a súa edición de 2015 coa estrea de Balbino, unha homenaxe a Neira Vilas

18/12/2015

Danza 3 pechará a súa edición de 2015 coa estrea de Balbino, unha homenaxe a Neira Vilas

Máis de 90 artistas escenificarán o domingo 27 no Auditorio de Galicia unha proposta multidisciplinar inspirada na obra Memorias dun neno labrego

Concluirá así o ciclo anual de difusión da música e a danza tradicionais, promovido pola Agadic xunto a esta agrupación compostelá, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña, despois de ter ofrecido nove actuacións noutras tantas localidades

Santiago, 18 de decembro de 2015.- A estrea o 27 de decembro en Santiago de ‘Balbino’, o novo espectáculo de Cantigas e Agarimos, porá fin á edición de 2015 do programa ‘Danza 3’, que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) organiza xunto a Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e a devandita agrupación compostelá. A cita será ás 20.00 horas no Auditorio de Galicia, onde máis de 90 artistas porán en escena esta proposta multidisciplinar inspirada na obra ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas.

Cantigas e Agarimos réndelle homenaxe con este espectáculo ao autor de Vila de Cruces, falecido xustamente un mes antes da data prevista para esta estrea. Así o explicou hoxe a vicepresidenta de Cantigas e Agarimos, Amparo Pérez, na presentación aos medios deste espectáculo, na que tamén interviñeron Jacobo Sutil, director da Agadic; Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Manuel Ameneiro, representante de Teatro de Cámara Ditea; e Conchi Viñas, xefa do departamento de Arquitectura Efémera da EASD Mestre Mateo.

Estas dúas últimas entidades tamén colaboraron artisticamente nesta proposta, na que o baile e a música tradicionais mestúranse con outras manifestacións culturais para situar os espectadores no escenario vital dun neno dunha aldea galega nos anos trinta ou corenta do pasado século XX.

Como no libro de Neira Vilas, o pequeno Balbino anda á busca de cousas pequenas que lle procuren felicidade. A pesares da súa inxenuidade e simpleza, o protagonista chega á conclusión de que "algún día hai que arrepoñerse" a raíz da incomprensión de moitas das experiencias que lle toca vivir: un loito eterno que lle impide acudir ás festas da súa aldea, un mestre que non fala en galego na escola... Balbino é, por tanto, un espírito crítico, un inconformista que se rebela contra o que non considera natural.

Novena actuación do ciclo
Con esta estrea, chega á súa fin a actual edición de ‘Danza 3’, un programa que –como explicou o director da Agadic– ten como prioridade a proxección social do traballo de recollida, conservación e divulgación do baile e da música tradicionais de Galicia, ámbito no que tanto Cantigas e Agarimos como O Fiadeiro e Xacarandaina son unha referencia. Sutil explicou que, con tal fin, este programa de difusión saíu desde o pasado mes de maio ao encontro dos espectadores galegos, con actuacións noutras oito localidades: Ourense, Melide, Burela, Sarria, Marín, Rianxo, A Baña e O Barco de Valdeorras.

As entradas para esta novena e derradeira actuación da edición de 2015 están xa a venda a traves da billeteira electrónica de Abanca, así como no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado, de 18.00 a 21.00 horas. Tamén poderán adquirirse no Auditorio de Galicia o mesmo día 27 desde as 18.00 horas.

Comparte