Nova: Xerardo Quintiá distinguido co XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

19/12/2015

Xerardo Quintiá distinguido co XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

A obra ‘Fornelos&Fornelos, Segunda Fundación’ resultou gañadora desta edición

Dodro (A Coruña), 19 de decembro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á entrega do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que na súa XXVIII edición recaeu en Xerardo Quintiá pola súa obra ‘Fornelos&Fornelos, Segunda Fundación’.

Cada ano, o Concello de Dodro convoca este galardón como unha forma de honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega.

Nesta ocasión o xurado concedeu por unanimidade o premio a Xerardo Quintiá, de quen destacou o seu “estilo sobrio e limpo” e o “ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada”. Tamén destaca que a súa obra representa “un esforzo analítico dun universo en explosión: as paisaxes, as aldeas, a lingua… unha vivencia da infancia que remite á sociedade que non existe”. Asemade, o xurado pon o acento na ‘alta calidade’ dos poemarios presentados e láiase ao non poder premiar outros orixinais con ‘calidade abondo para merecer o premio’.

Canda o premio en metálico –dotado con 2.300 euros-, o autor verá publicada a súa obra dentro da colección de poesía ‘Eusebio Lorenzo Baleirón’, da Editorial Sotelo Blanco.
 

Comparte