Nova: Xosé Neira Vilas gaña o Premio Otero Pedrayo, promovido pola Consellería de Cultura e Educación e as deputacións galegas
26/06/2014
Xosé Neira Vilas gaña o Premio Otero Pedrayo, promovido pola Consellería de Cultura e Educación e as deputacións galegas
O xurado acordou por unanimidade este recoñecemento ao escritor e académico da lingua galega pola súa contribución á cultura galega, nunha reunión celebrada hoxe en Pontevedra que contou coa participación dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística
Pontevedra, 26 de xuño de 2014.- O Premio Otero Pedrayo, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais as catro deputacións galegas, recaeu na súa edición de 2013 no escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. Así o acordou o xurado do galardón na reunión que tivo lugar hoxe na Deputación Provincial de Pontevedra e na que participaron os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, en representación da Xunta de Galicia.
O xurado considerou que Xosé Neira Vilas é merecedor deste recoñecemento por ser “unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais e por todo o traballo feito a prol da nosa cultura, por conseguir durante toda a súa vida levar a nosa cultura e tradición por todo o mundo e por unir a xeracións durante anos arredor da nosa historia, lingua e características propias”.
Tamén formaron parte do xurado os deputados de Cultura das deputacións de Pontevedra, Lugo e de Ourense, Ana Isabel Vázquez, Mario Outeiro e Avelino García, respectivamente; o vicerreitor de extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o investigador do CSIC Isidro García Tato; Felipe Senén López, técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña; o escritor e presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar; e o director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle Pérez.
Contribución ás letras e á cultura galegas
Co obxecto de perpetuar e honrar a memoria de persoas egrexias no campo das letras e do coñecemento e a súa contribución á cultura galega, as catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, veñen promovendo o Premio Otero Pedrayo, que na anterior edición recaeu no profesor e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Cada ano, o premio convócao unha das deputacións galegas. A última edición, de 2013, correspondeulle á Deputación Provincial de Pontevedra.