Nova: Os colexios públicos contan este curso con 239 clubs de lectura, once máis con respecto o anterior

23/12/2015

Os colexios públicos contan este curso con 239 clubs de lectura, once máis con respecto o anterior

Vénse de resolver a convocatoria para 2015/2016, a través da que se reparten 200.000 euros entre os centros seleccionados, unhas axudas destinadas á adquisición de libros

Os clubs de lectura funcionan como un espazo integrador e de encontro de toda a comunidade escolar no que se fomenta o hábito lector entre o alumnado

Santiago, 22 de decembro de 2015.- Este curso 2015/2016, un total de 239 centros educativos públicos contarán con clubs de lectura, o que supón once máis con respecto ao curso anterior. Así se desprende da recente resolución da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que ten por obxecto dinamizar a lectura entre os mozos e mozas nos centros de ensino secundario obrigatorio e postobrigatorio.

Por provincias, A Coruña conta con 99 centros con club de lectura, Pontevedra con 79 (nove máis que no curso 2014/2015), Lugo con 35 e Ourense, con 26 (dous máis que o curso pasado). Os detalles da resolución poden consultarse no seguinte enderezo web http://www.edu.xunta.es/portal/sites/web/files/resol_clubslectura_1516_final.pdf.

A Consellería destina un total de 200.000 euros -distribuídos entre os 239 centros- co fin de sufragar os gastos derivados do desenvolvemento das actividades previstas para o club de lectura. En concreto, as contías están destinadas, fundamentalmente, á adquisición de libros para realizar as diferentes accións, volumes que posteriormente pasarán a engrosar os fondos da biblioteca escolar.

Fomentar o hábito lector e a convivencia
Os clubs de lectura funcionan como un espazo integrador e de encontro no que alumnado, nais, pais e outros membros da comunidade educativa poden intercambiar opinións e experiencias lectoras arredor dun libro. Son, por tanto, unha clara oportunidade para fomentar o hábito lector entre os mozos e mozas, así como un entorno ideal para promover a convivencia harmoniosa no seo da comunidade educativa.

Asemade, os clubs están a funcionar, en moitos casos, como unha vía para descubrir os novos soportes para a lectura dixital, espazos para a experimentación con dispositivos electrónicos e formatos como os booktrailers, os blogues e as redes sociais.

O éxito desta actividade de dinamización da lectura tense demostrado na alta participación dos centros nesta e en anteriores convocatorias, así como por parte dos participantes nas Xornada dos Clubs de lectura, unha xuntanza anual que se vén organizando para fomentar a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias arredor desta actividade. Ademais, ao abeiro destes clubs creouse un premio co obxectivo de recoñecer á escritora ou escritor galego máis lido nestes espazos no pasado curso, en sinal de agradecemento á súa contribución e axuda na consecución de lectores en galego.

A biblioteca como espazo fundamental
Neste contexto, a biblioteca escolar xoga un papel fundamental dentro do centro educativo para desenvolver e afianzar o hábito lector entre o alumnado. A Consellería, a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), ao que este ano xa están adheridos 575 centros, está a transformar e potenciar os usos da biblioteca co obxectivo de que funcione como un centro de recursos interdisciplinar de apoio ás aprendizaxes. De feito, trátase dun espazo que fomenta a adquisición de competencias clave e, ao mesmo tempo, favorece a integración das TIC nun contexto de alumnos e alumnas xa nativos dixitais. 
 

Comparte