Nova: Nadal en Rede segue a festexar estas datas con actividades de lecer en galego

28/12/2015

Nadal en Rede segue a festexar estas datas con actividades de lecer en galego

Diferentes estilos musicais con ‘A cantar con… A Gramola Gominola’, contacontos con ‘Cantos contos de Nadal’ e anécdotas insólitas grazas a ‘ISIstorias de Nadal’ son tres das propostas de dinamización lingüística

  • Nadal en Rede Nadal en Rede
  • Nadal en Rede Nadal en Rede
  • Nadal en Rede Nadal en Rede

Santiago, 28 de decembro de 2015.- A campaña ‘Nadal en Rede’ 2015, que promove a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, continúa coa ampla programación de actividades para estas festas.

A proposta musical ‘A cantar con… A Gramola Gominola’, o contacontos musicado ‘Cantos Contos de Nadal’ e a actividade de humor ‘ISIstorias de Nadal’ están a fornecer dun tempo de lecer en galego aos concellos da Bola, A Rúa, Bande, Boimorto, Burela, Campo Lameiro, Cangas, Celanova, Corcubión, Cospeito, Curtis, Dumbría, Forcarei, Frades, Laxe, Melón, Mesía, Mondariz-Balneario, Monterroso, Muíños, Muros, Parada de Sil, Pontecesures, Ramirás, Sarreaus, Sober, Sobrado dos Monxes, Toén, Toques e Verín, entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro.

Rock, blues ou country coa Gramola Gominola
A proposta didáctica ‘A Cantar con… A Gramola Gominola’ fala de valores tan esenciais como a amizade, a familia, a natureza, a vida saudable... desde estilos musicais como o rock and roll, o reggae, o heavy, o funk ou o ska, e sempre con letras en galego.

Logo do seu paso por Dumbría, Sarreaus, Muros e Laxe; é a quenda de Cangas (hoxe luns, no Auditorio Municipal), Monterroso (mañá martes, no Espazo Cultural Lorenzo Varela), Burela (mañá martes, no Auditorio Municipal), A Rúa (sábado 2, no Centro Cultural Avenida), Celanova (sábado 2, no Auditorio Ilduara) e Verín (luns 4, no Pavillón Municipal).

Mistura de contacontos e música en ‘Cantos Contos no Nadal’
Da man de Pablo Díaz -coñecido polos seus discos ‘Tic-Tac', 'Toc-Toc’ e ‘Xente miúda, moita fartura’-, 'Cantos Contos no Nadal' trátase dunha proposta de contacontos participativos dirixida a familias con fillos pequenos.

Esta actividade de dinamización lingüística xa visitou Boimorto, Sobrado dos Monxes, Mesía e Cospeito. Os seus vindeiros destinos son Mondariz-Balneario (hoxe luns, na Sala da Cultura da Casa do Concello), Campo Lameiro (mañá martes, no Auditorio do Centro Sociocultural Sobrino Buhigas), Pontecesures (mañá martes, no Centro Social), Corcubión (domingo 3, na Casa da Cultura), Curtis (luns 4, no Edificio Multiúsos) e Sober (luns 4, no Centro Sociocultural).

As abraiantes anécdotas de Isi en 'ISIstorias de Nadal'
Se algo caracteriza ao coñecido Isi, é o partido que este estradense lle tira ás propias vivencias persoais ou ás do seu contorno. ‘ISIstorias de Nadal’ combina aquí a anécdota popular e a tradición oral para difundir a lingua galega.

Estreada en Melón, xa pasou por Muíños, Parada de Sil, Toén, Ramirás e Bande. Agora é o momento da Bola (hoxe luns, no Salón Social do Concello), Forcarei (mañá martes, no Centro Social), Frades (mércores 30, no Multiusos) e Toques (mércores 30, no Albergue de Souto).

Recursos na Internet
'Nadal en Rede' ofrece tamén ferramentas virtuais para empregarmos o galego nesta época tan especial.

A novidosa 'Carta de resposta dos Reis', coa que os cativos poderán obter unha contestación en galego ás cartas que lles enviaron a Melchor, Gaspar e Baltasar. A 'Carta aos Reis Magos', para aqueles que aínda non contactaron coas Súas Maxestades de Oriente; 'O libro dos Reis Magos', con discursos especialmente preparados para eles; e 'Postais en Galego', para felicitarmos estas datas a amigos e familiares.

A descarga é de balde e está dispoñible, canda toda a información do 'Nadal en Rede', no Portal da Lingua Galega: www.lingua.gal.

 

Comparte