Nova: O programa ‘Ler conta moito’ de Cultura e Educación remata o mes con actividades de dinamización da lectura na Coruña, en Santiago de Compostela e en Antas de Ulla

24/06/2014

O programa ‘Ler conta moito’ de Cultura e Educación remata o mes con actividades de dinamización da lectura na Coruña, en Santiago de Compostela e en Antas de Ulla

Os bebés, os nenos e nenas e a mocidade terán ocasión de se achegar aos libros e á lectura a través de obradoiros creativos, cancións de arrolo, trabalinguas, xogos e propostas escénicas

Ao abeiro deste programa, a Secretaría Xeral de Cultura, co apoio dos concellos, promove 773 eventos de fomento da lectura en bibliotecas desde marzo a outubro

As actividades poden seguirse no blog http://blogs.xunta.es/lercontamoito
 

  • Logotipo do programa Ler conta moito Logotipo do programa Ler conta moito

Santiago, 24 de xuño de 2014.- O programa Ler conta moito da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata xuño con actividades de dinamización da lectura en bibliotecas da Coruña, de Santiago de Compostela e de Antas de Ulla. Obradoiros creativos, xogos, trabalinguas, cancións de arrolo e propostas escénicas centran as últimas propostas de Ler conta moito neste mes para lles achegar aos bebés, aos nenos e nenas e á mocidade os libros e a lectura.

O xoves 26 de xuño, ás 11 horas, a Biblioteca Sagrada Familia da Coruña será o escenario da actividade ‘Crea fósiles de dinosauros’, un obradoiro creativo que incorpora a vertente audiovisual e a divulgación do coñecemento para dinamizar a lectura entre nenos e nenas a partir de 4 anos. O mesmo día, ás 15:30 horas, Charo Pita ofrecerá na biblioteca municipal de Antas de Ulla, na provincia de Lugo, a actividade ‘Triquitraque-Traquetriqui’, coa que Ler conta moito achega os bebés de 0 a 3 anos ao mundo da lectura e dos libros con palabras, trabalinguas, xogos e cancións de arrolo.

‘O lapis máxico’ pechará a programación de xuño de Ler conta moito na biblioteca do Centro Sociocultural de Fontiñas, en Santiago de Compostela, o venres 27 de xuño, ás 18:30 horas. A compañía Teatro Buratini ofrecerá un obradoiro no que os nenos e as nenas a partir de 6 anos terán ocasión de descubrir todo o proceso e os segredo dunha representación teatral, a través dun laboratorio de creación de propostas escénicas.

Dinamización da lectura nas bibliotecas
A segunda edición do programa Ler conta moito, que se desenvolve desde o pasado mes de marzo ata o vindeiro mes de outubro, inclúe unha programación de 773 eventos a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, con diversas propostas para achegarlle á cidadanía, especialmente ás franxas de poboación máis novas, os libros e a lectura.

Calendario e blog
A axenda con todas as actividades deste programa da Consellería de Cultura e Educación pode consultarse na páxina web rbgalicia.xunta.es. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía, accesible en http://blogs.xunta.es/lercontamoito/
 

Comparte