Nova: Merenda no Gaiás ofreceu teatro, música, humor, gastronomía e mercado de Nadal
29/12/2015
Merenda no Gaiás ofreceu teatro, música, humor, gastronomía e mercado de Nadal
Fíxose entrega dos premios do concurso de postais Imaxina o teu Nadal no Gaiás aos seis gañadores
Santiago 29 de decembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compartiu con nenos e familias a primeira edición da ‘Merenda no Gaiás’, que concentra no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura unha serie de espectáculos de teatro, música, humor, gastronomía e un mercado de Nadal con produtos galegos saudables organizado pensando nos máis cativos.
Ademais, o conselleiro fixo entrega dos premios do concurso de postais “Imaxina o teu Nadal no Gaiás” aos seis gañadores (tres na categoría de 0-5 anos e outros tres na de 6-9 anos), que obtiveron como agasallo xogos didácticos, libros infantís e entradas para espectáculos do Gaiás.
‘Nadal no Gaiás’ compleméntase coa programación das actividades didácticas ‘Findes na balea’, que durante os sábados e domingos de decembro e xaneiro seguirán alternando un servizo de ludoteca (sábados) con obradoiros fotográficos (domingos) nos que achegarse á exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ e converterse en artista por un día.