Nova: Cultura e Educación segue a incrementar o seu apoio ás industrias culturais con novas subvencións ás asociacións profesionais, á distribución e ás salas de exhibición
22/06/2014
Cultura e Educación segue a incrementar o seu apoio ás industrias culturais con novas subvencións ás asociacións profesionais, á distribución e ás salas de exhibición
O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana unha nova convocatoria de axudas da Agadic por un importe total de 460.000 euros
As contías económicas adxudicadas en réxime de concorrencia competitiva dedicadas a festivais, actividade escénica, e distribución de salas e asociacionismo aumentan case un 10% respecto ao ano anterior
Os colectivos de defensa do sector, os escenarios de titularidade privada e as accións de proxección interior e exterior poderán obter financiamento a través dun procedemento en réxime de concorrencia competitiva
Santiago, 22 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a incrementar o seu apoio ás industrias culturais galegas durante 2014 coa próxima publicación esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) dunha liña de subvención dotada con 460.000 euros e dirixida a impulsar distintos aspectos clave do sector. A nova convocatoria destínase especificamente ao financiamento de accións concretas de distribución interior e exterior, ao fomento da actividade das asociacións profesionais e á axuda para o funcionamento de salas de exhibición de espectáculos de titularidade privada.
Segundo a resolución aprobada hoxe polo Consello Reitor da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) presidido polo conselleiro Xesús Vázquez Abad, a iniciativa centraliza os programas de apoio aplicados a reforzar o papel dos creadores individuais e das empresas culturais co obxectivo de consolidar un tecido capitalizado, competitivo e innovador e, ao mesmo tempo, a potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos diferenciais.
Un 9,15 por cento máis
A nova convocatoria incorpórase ao plan integrado de impulso ao sector das industrias culturais que se executará ao longo de 2014. A este programa, do que forman parte xa anteriores bases dedicadas á celebración de festivais audiovisuais, de escena e de música (tanto profesionais como afeccionados) e ao fomento da actividade escénica, sumaranse proximamente as lixas dirixidas especificamente ao ámbito da produción e desenvolvemento de proxectos audiovisuais.
Coa súa publicación, a Consellería de Cultura e Educación segue a aumentar as contías económicas globais dedicadas ao sector que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva e seguindo criterios de obxectividade e transparencia, cifradas ata este punto do ano nun total de 1.550.000 euros (490.000 para festivais, 600.000 para actividade escénica e 460.000 para distribución, salas e asociacionismo). Isto representa un incremento do 9,15 por cento respecto ás cantidades para os mesmos contidos de 2013 (1.420.000 euros) e supón, ademais, a recuperación da atención especial ás asociacións e demais colectivos profesionais como novidade.
Distribución interior e exterior
O apartado de distribución para 2014 está dotado con 350.000 euros e céntrase no fomento da circulación dentro e fóra de España de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na nosa Comunidade Autónoma.
A distribución exterior, que deberá levarse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano, poderá referirse á realización dunha serie de funcións (mínimo de tres e non máis de oito no mesmo espazo), á representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia ou para a asistencia a feiras e mercados culturais tamén fóra de Galicia. Da distribución de espectáculos dentro do territorio galego poderán beneficiarse as empresas que presenten proxectos consistentes na realización dun mínimo de cinco representacións e nunca máis de catro nun mesmo espazo.
Asociacións e salas de ata 250 localidades
Resérvanse 50.000 euros a categoría relativa ao asociacionismo, á que poderán optar as entidades e asociacións profesionais representativas das empresas e profesionais no sector da produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural.
Os requisitos que se lles esixen a estes colectivos son a ausencia de ánimo de lucro, ter social ou estatutariamente como obxecto social a promoción de calquera clase de produto cultural para a defensa dos seus intereses propios, e que o seu ámbito de actuación se limite ao autonómico.
As subvencións ás salas, ás que se dedican 60.000 euros, diríxense a persoas físicas ou xurídicas xestoras de espazos de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades. Para obter este tipo de subvencións, da que se exclúen os recintos pertencentes a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro, deberase presentar un proxecto de programación artística para o presente ano 2014.