Nova: A exposición fotográfica ‘Os adeuses’, do coruñés Alberto Martí, chega a Portugal

09/07/2014

A exposición fotográfica ‘Os adeuses’, do coruñés Alberto Martí, chega a Portugal

A exposición, que reúne 51 imaxes nas que o fotoxornalista reflicte o éxodo galego cara a América, poderá visitarse na localidade lusa de Fafe ata o 31 de agosto

A Consellería de Cultura e Educación participa na iniciativa a través do Centro Galego de Artes da Imaxe co obxectivo de difundir o patrimonio visual de autoría galega

  • A exposición reúne 51 imaxes tomadas polo fotoxornalista coruñés Alberto Martí nas que se reflicte o éxodo galego cara a América A exposición reúne 51 imaxes tomadas polo fotoxornalista coruñés Alberto Martí nas que se reflicte o éxodo galego cara a América
  • Os adeuses Os adeuses

Santiago, 9 de xullo de 2014.- A exposición ‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’, en cuxa organización colabora a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), poderá visitarse a partir de mañá día 10 de xullo e ata o vindeiro 31 de agosto na Galería Municipal da Casa da Cultura de Fafe. Como é sabido, o CGAI ten entre os seus obxectivos a recuperación e posta a disposición do público do patrimonio visual de autoría galega. A localidade portuguesa será o próximo destino deste conxunto de imaxes que plasman o éxodo galego cara a América durante o século pasado, dentro da ampla distribución que está a ter esta mostra promovida en 2011 pola Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

A mostra componse de 51 imaxes en branco e negro que retratan a emigración galega cara ao continente americano desde os portos da Coruña e Vigo durante o período que vai desde o ano 1957 ata o 1963. As fotografías, dotadas dunha grande emotividade, reflicten escenas das despedidas e dos reencontros de moitos homes e mulleres, tomadas por Martí nos últimos anos da década dos cincuenta e nos primeiros da dos sesenta do pasado século XX, e que constitúen hoxe en día un excepcional documento gráfico dunha época.

Imaxes inéditas
As instantáneas, de tamaño 40 x 40 cm, están positivadas en papel baritado e xiradas ao selenio para a súa conservación. Moitas delas non foran reveladas ata o momento da estrea da exposición hai tres anos. O tamén fotógrafo José Caruncho exerceu como coordinador técnico, autor do positivado e da selección das 73 fotografías que integran o catálogo e a compilación orixinal.

A exposición estrutúrase baixo os bloques titulados ‘A ida’, ‘A volta’, e ‘O buque Santa María’. O apartado específico dedicado ao Santa María está articulado a partir da reportaxe realizado por Martí en 1961 sobre o secuestro deste barco portugués a mans do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) durante a ruta Caracas-Lisboa-Vigo e chegada ao porto galego dos retidos no mes de febreiro dese mesmo ano.

O autor, un retratista humano
Alberto Martí Vilardefrancos (A Coruña, 1922) é unha das figuras máis relevantes da fotografía galega, recoñecido pola súa condición de ‘retratista de historias humanas’. Desenvolveu o seu traballo tanto desde unha histórica tenda de fotografía da Coruña como ao longo dos máis de 50 anos nos que exerceu como reporteiro no xornal ‘La Voz de Galicia’. Ao longo da súa prolixa traxectoria, recibiu cantidade de galardóns nacionais e internacionais, como o Premio Nacional de Periodismo Gráfico.

‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’ é unha mostra itinerante que leva percorrido gran parte da xeografía galega e española e que tamén puido ser visitada en Bos Aires. Trala súa estadía en Fafe viaxará a Castellón, en concreto á Fundación San Isidro Cajamar Caixa Rural, onde estará do 9 ao 30 de outubro de 2014.
 

Comparte