Nova: Teatro do Noroeste estrea na Coruña Palabras malditas, obra de Eduardo Alonso

14/01/2016

Teatro do Noroeste estrea na Coruña Palabras malditas, obra de Eduardo Alonso

Miguel Ínsua, Sara Casasnovas e Luma Gómez interpretan esta historia, ambientada na cidade herculina da posguerra e na que dous marxinados, un profesor represaliado e unha prostituta, que se esforzarán por atopar xuntos a felicidade

O espectáculo, que ofrecerá dúas funcións esta fin se semana no Teatro Rosalía Castro, é unha das 26 montaxes subvencionadas pola Agadic a través da última convocatoria de axudas á produción escénica

A Coruña, 14 de xaneiro de 2016.- O Teatro Rosalía Castro da Coruña será o venres, día 15, o escenario da estrea do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, ‘Palabras malditas’, escrito e dirixido por Eduardo Alonso. A última proposta da compañía compostelá, ambientada na cidade herculina nos anos da posguerra, é unha das 26 montaxes subvencionadas en 2015 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistirá á estrea que se celebrará mañá ás 20.30 horas. O sábado á mesma hora terá lugar unha segunda representación, inserida na programación que o teatro coruñés desenvolve como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido pola Agadic en colaboración con preto de 40 entidades e concellos de toda Galicia.

Temporada en Madrid
Teatro do Noroeste sitúase con este espectáculo entre as compañías máis programadas durante o primeiro semestre de 2016 neste circuíto, no marco do que levará a cabo 11 representacións de ‘Palabras malditas’. Ademais, a compañía viaxará a Madrid coa versión en castelá desta montaxe, que poderá verse no Teatro Español do 5 ao 22 de maio.

Miguel Ínsua, Sara Casasnovas e Luma Gómez compoñen o trío interpretativo desta produción, realizada a partir da obra pola que Eduardo Alonso conseguiu un accésit do Premio Lope de Vega 2014. A peza xira arredor da historia compartida nos anos corenta por dous seres marxinados, un represaliado profesor especialista en poesía francesa e unha prostituta, que coinciden nunha sórdida pensión da Coruña. A pesar das aparentes diferenzas que os separan, ambos aférranse o un ao outro como táboa de salvación fronte á soidade. Desde xeito, formarán un tándem inspirador na procura da felicidade.

No equipo de Teatro do Noroeste figuran tamén Fernando Alonso na composición musical, Paco Conesa no deseño da escenografía e vestiario e Eva Alonso na produción.

As entradas para as dúas funcións de ‘Palabras malditas’ na Coruña poden adquirirse a través das canles habituais para a venda de billetes do Teatro Rosalía Castro: na billeteira central da praza de Ourense, aberta de luns a venres de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, no teléfono 902 044 226 ou na web de Ticketea, ademais de no propio teatro os días de representación.

Comparte