Nova: Ampla programación no 2016 para conmemorar o centenario do nacemento do Nobel galego

15/01/2016

Ampla programación no 2016 para conmemorar o centenario do nacemento do Nobel galego

A Biblioteca Nacional de España e no Museo Centro Gaiás acollerán unha completa exposición sobre a súa vida e obra de Camilo José Cela

Presentáronse as actividades para celebrar esta efeméride, que coincide cos 25 anos da apertura en Iria Flavia da Casa-Museo do escritor

O Ministerio de Educación e Cultura, AC/E, o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña, a Universidade de Vigo e a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes son algunhas das institucións que participan na celebración

  • Foto de Camilo José Cela, de Cesar Lucas
  • Foto de Camilo José Cela, de Gustavo Catalán Deus

Padrón (A Coruña), 15 de xaneiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou en Padrón a programación coa que Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Camilo José Cela, conmemorá neste 2016 o centenario do nacemento do Premio Nobel galego.

O calendario de iniciativas, que inclúe exposicións, un congreso, cursos, un ciclo de cine, novas edicións, certames literarios, actividades escolares e diversos proxectos de dixitalización do fondo documental da fundación, terá o seu atractivo central na mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España (BNE), en Madrid, o próximo 23 de xuño, onde permanecerá ata o 2 de outubro. Comisariada por Adolfo Sotelo Vázquez e coorganizada por Acción Cultural Española (AC/E), coa colaboración de Abanca e da BNE, a exposición exporase tamén no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 11 de novembro de 2016 ao 19 de febreiro de 2017.

Poñer en valor o legado de Cela
Román Rodríguez salientou como principais obxectivos da conmemoración desta efeméride poñer en valor e reforzar o coñecemento da figura, da obra e do legado de Cela, dando a coñecer, ademais, a relevancia do autor na súa época, no seu contexto social e cultural. Así mesmo, e de forma paralela, búscase promover o coñecemento da Fundación e do labor que se desenvolve desde hai 25 anos na Casa-Museo de Iria Flavia.

O fomento da investigación, do estudo e do debate científico arredor da traxectoria vital e profesional de Cela é outro dos obxectivos que destacou o conselleiro, que estivo acompañado na rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira. Tamén participaron no acto a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago, Mª Dolores Álvarez, entre outras autoridades.

Exposicións dentro e fóra de Galicia
A grande exposición que se levará a cabo na BNE e na Cidade da Cultura enmárcase nunha oferta de iniciativas ampla e diversa para divulgar e poñer en valor o legado do Premio Nobel galego, na que participan diversas administracións e institucións públicas e privadas, tanto galegas como do resto do Estado.

Xunto coa mostra principal, a programación inclúe diversos proxectos expositivos sobre a figura e obra do escritor. A Fundación José Cela acollerá tres exposicións ao longo do ano. De febreiro a abril exhibirase ‘El rucio de Sancho’, en conmemoración do IV centenario do pasamento de Miguel de Cervantes, co apoio da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Entre maio e agosto será a quenda de ‘Compañías convenientes. Diálogos de arte contemporáneos co home poliedro’, unha mostra de arte contemporánea comisariada por Paula Cabaleiro na que colabora a Deputación da Coruña. E, a partir de setembro e xa ata fin de ano, a sede de Iria Flavia acollerá ‘O gran coleccionista’, que percorre as múltiples coleccións do escritor que se conservan na Casa-Museo.

Fóra da sede, o legado de Cela será protagonista de maio a xullo na Biblioteca de Galicia a través da mostra ‘Xoias que son revistas. A hemeroteca de CJC’; mentres que a Deputación de Guadalaxara organizará no verán unha mostra arredor de ‘Viaje a la Alcarria’.

A figura de Cela tamén se proxectará no exterior coa mostra ‘Arxentina na vida e obra de CJC’, organizada pola Biblioteca de Galicia, estará en Buenos Aires coincidindo co protagonismo de Santiago de Compostela como cidade convidada na 42º Feira Internacional do Libro que se celebra na cidade porteña. “É dicir, un atractivo máis para reforzar o papel de Galicia no maior mercado editorial de América do Sur”, afirmou o conselleiro.

O legado en liña
Para favorecer o acceso á súa obra e ao valioso fondo documental que conserva a Fundación Cela, realizaranse tamén iniciativas de dixitalización de diverso material para a súa difusión e posta ao dispor da cidadanía a través da rede. Co Consello da Cultura Galega, colaborarase para a dixitalización e posta a disposición en liña do epistolario de Cela con autores e outras personalidade relevantes da cultura galega. Así mesmo, o Ministerio de Educación e Cultura e a Biblioteca de Galicia traballarán da man na dixitalización de parte do arquivo fotográfico da Fundación, composto por máis de 3.000 imaxes, que estará accesible a través de Galicia, a biblioteca dixital de Galicia, así como dos repositorios Hispana e Europeana.

Ademais, a Fundación asinará un convenio coa Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes para a creación dunha páxina específica do autor neste portal, na que tamén se dixitalizará e publicará parte do fondo documental da Fundación Cela.

Concursos e actividades para todo o público
A programación do centenario foi concibida para reforzar o coñecemento da figura de Cela entre o conxunto da cidadanía. Para iso intensificarase a programación escolar que a Fundación vén desenvolvendo anualmente, na que se inclúen visitas dinamizadas, obradoiros, valixas didácticas e recursos interactivos. Ademais, do 10 ao 21 de maio desenvolverase na sede de Iria Flavia unha nova edición do ‘Letreseo’, na que se conmemorarán o centenario, o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos a través de actividades especiais para a comunidade educativa, con xornadas de portas abertas, entre outras iniciativas.

Nesta mesma liña, xunto co Centro Autonómico de Formación e Innovación de Galicia realizaranse actividades destinadas á comunidade educativa, como un roteiro literario previsto para o mes de marzo.

Tamén continuarán a súa traxectoria o club de lectura ‘Anagnósis’, organizado pola Fundación e o Concello de Padrón, e dous certames xa consolidados: o de Microrrelatos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, que chega á súa quinta edición con categorías infantil, xuvenil e de adultos, e que conta coa colaboración de El Corte Inglés; e o de Micropoemas José García Nieto, xa para adultos, cuxa terceira edición se organiza xunto coa Fundación García Nieto.

Cela na pantalla
A vinculación de Cela coa sétima arte tamén estará moi presente na programación. A Axencia Galega das Industrias Culturais, a través do Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña, organiza en outubro de 2016 o ciclo de cine Un novelista na pantalla, co que percorre as facetas de Cela de como actor, guionista, produtor etc.

Tampouco faltarán as publicacións. Ademais da reedición da obra ‘A rosa’, El Patito Editorial publicará un cómic sobre o autor co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para difundir a súa vida e a obra a través da banda deseñada.

Estudo e reflexión
O público máis especializado poderá afondar na figura do autor a través de diferentes cursos, congresos e xornadas que se celebrarán ao longo do ano. O primeiro deles estará organizado pola Consejería de Educación, Juventud y Deporte da Comunidade de Madrid arredor da obra de Cela, e terá como destinatario o profesorado. Así mesmo, a Universidad Camilo José Cela ten previsto organizar en maio un congreso internacional dedicado ao Premio Nobel.

Xa en Galicia, Paula Cabaleiro coordinará un seminario no marco da mostra ‘Compañías convenientes. Diálogos de arte contemporáneos co home poliedro’, que acollerá a Fundación Cela entre maio e agosto. Tamén na sede de Iria Flavia se desenvolverá en setembro o curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo-Galicia ‘A polifonía literaria de Camilo José Cela (1916-2002)’. Finalmente, a Biblioteca de Galicia conmemorará en decembro a entrega do Nobel a Cela cunhas xornadas de literatura coordinadas por Javier Pintor.

Unha celebración compartida
O conselleiro quixo ademais agradecer na rolda de prensa a implicación de todas as entidades colaboradoras na programación, nomeadamente o Goberno central, a Biblioteca Nacional de España, a Acción Cultural Española, o Consello da Cultura Galega, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Abanca, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela e Internacional Menéndez Pelayo.

Finalmente, o conselleiro de Cultura e Educación salientou o labor desenvolvido pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela para a difusión da figura do Nobel galego, institución que conmemora tamén este ano o 25 aniversario da apertura da Casa-Museo dedicada ao autor en Iria Flavia.

Principais celebracións arredor do libro e da lectura
Xunto con esta efeméride, en 2016 tamén serán protagonistas do calendario cultural as Irmandades da Fala, das que se conmemora este ano o seu centenario; o dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán, con motivo do 150º aniversario do seu nacemento, e autores como Borobó, Miguel González Garcés e Lorenzo Varela, no marco do seu centenario. Ademais, a Xunta de Galicia volverá contribuír con diversas actividades durante todo o ano para celebrar as Letras Galegas, que este ano lle dedica a Real Academia Galega ao escritor Manuel María.

Todas estas celebracións forman parte do Calendario do libro e da lectura 2016, que pode consultarse na páxina web www.cultura.gal
 

Comparte