Nova: O Gaiás celebrará un baile de entroido chinés coa música da Gramola Gominola

16/01/2016

O Gaiás celebrará un baile de entroido chinés coa música da Gramola Gominola

O CINC acollerá a partir das 17 horas este baile de disfraces no que se lle dará a benvida ao novo ano chinés coa tradicional Danza do León, interpretada por catro acróbatas e varios músicos en directo caracterizados con roupas orientais

O Baile de Entroido contará coa música en directo da Gramola Gominola e as súas versións en galego de grandes temas do rock

As entradas xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás ou en www.ataquilla.com
 

  • Gramola Gominola Gramola Gominola
  • Gramola Gominola Gramola Gominola
  • Gramola Gominola Gramola Gominola
  • Gramola Gominola Gramola Gominola

Santiago, 16 de febreiro de 2015.- O Gaiás convida a grandes e maiores ao Baile de entroido chinés que se celebrará o luns 8 de febreiro a partir das 17 horas. A festa, que arrancará ás 17 horas, servirá para darlle a benvida ao novo ano chinés, e contará coa tradicional Danza do León e a música en directo da banda de rock para nenos A Gramola Gominola.

Coincindo co inicio do novo ano chinés, a Cidade da Cultura aproveitará o baile de entroido para renderlle unha homenaxe a esta cultura, convidando a todos os asistentes a caracterizarse con roupas orientais.

Ademais, o público poderá sorprenderse cos movementos da Danza do León, baile habitual nos festexos da celebración do novo ano en China e nas réplicas que se celebran en todo o mundo. Músicos en directo acompañarán aos catro acróbatas que executarán a danza baixo dúas estruturas en forma de leóns, que se moverán entre o público para repartir sorte para este 2016.

O Baile de entroido chinés, que terá lugar no Centro de Innovación Cultura, contará coa música en directo da banda para nenos A Gramola Gominola, que interpretará as súas versións en galego dos grandes clásicos do rock. Da man de Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra), grandes e pequenos poderán gozar dos mellores temas da música contemporánea, aglutinando todos os xéneros: punk, heavy metal, pop, blues, reggae e, por suposto, rock.

As entradas para o Baile de entroido chinés xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás, puntos físicos de ATaquilla ou a través do web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). A Cidade da Cultura conta con descontos para colectivos e packs familiares que podedes consultar en www.cidadedacultura.gal.
 

Comparte