Nova: O XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova reforza a formación práctica e o intercambio no sector
09/07/2014
O XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova reforza a formación práctica e o intercambio no sector
Organizado pola Fundación Carlos Casares xunto coa Universidade de Vigo, desenvolverase do 15 ao 18 de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá baixo o título ‘O audiovisual galego: 25 anos de presente’
Ata 70 alumnos poderán asistir a este encontro que se configura como un curso de verán de extensión universitaria con sesións teóricas en combinación con proxeccións e traballos de filmación
Ourense, 9 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración do XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que terá lugar no Auditorio Ilduara da vila ourensá entre os próximos días 15 e 18 de xullo, como ferramenta para reforzar a formación práctica e para facilitar o intercambio creativo entre mestres, alumnos e profesionais do sector.
Baixo o título ‘O audiovisual galego: 25 anos de presente’ e configurado como un curso de verán de extensión universitaria, a actual edición desenvolverase ao longo de catro xornadas intensivas, nas que terá un protagonismo especial a longametraxe e a súa versatilidade actual, así como os formatos e xéneros máis alternativos e de baixo custe. En referencia ao lema deste ano, lembraranse ademais as tres películas realizadas en 1989 coas que se iniciou a andaina do cinema en galego: ‘Urxa’, ‘Continental’ e ‘Sempre Xonxa’.
Con Miguel Anxo Fernández como director do curso e con Paulino Pérez como director do taller audiovisual paralelo ‘Celanova, plató de ficción’, está prevista a participación como relatores de máis de 30 profesionais galegos entre mestres, intérpretes, creadores e produtores, así como dun alumnado aberto a un máximo de 70 estudantes que levarán a cabo traballos de filmación ao tempo que asistirán ás sesións teóricas e ás proxeccións programadas. O prazo de inscrición mantense ata o próximo 15 de xullo.
O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova está organizado pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo (a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense) xunto á Deputación de Ourense e o Concello de Celanova. Conta tamén coa colaboración, ademais da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Televisión de Galicia, do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e da Facultade de Ciencias Sociais e de Comunicación de Pontevedra.
En nome da Consellería de Cultura, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe en Ourense no acto de presentación da décima primeira edición do CeMAC xunto a Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación; Xosé Luís Ferro, alcalde de Celanova; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; así como ós directores do curso e do taller.
Rigor e participación
Na súa intervención, Sutil fixo referencia a que “esquemas pedagóxicos tan rigorosos, completos e participativos como os que propón o CeMAC posibilitan non só o acceso dos inscritos a unha actividade docente que conta con todas as garantías, senón tamén a difundir as traxectorias profesionais e as obras dos nosos creadores audiovisuais en todas as variantes e formatos”.
O director da Agadic celebrou que parte da temática do curso se dedique este ano a rememorar o 25 aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes de ficción realizadas en Galicia e en idioma galego para a pantalla grande, pola importancia daquela tripla estrea de “títulos fundacionais do que hoxe podemos chamar sector audiovisual galego”. Salientou, así mesmo, a variedade e o interese do programa do CeMAC para a presente edición de 2014 “no que se reflicte —asegurou— a variedade de autores, soportes, formatos e temas que presenta este ámbito en Galicia na actualidade”.
Para os organizadores do CeMAC, os obxectivos do curso 11 anos despois da súa primeira edición en 2004 apuntan na dobre dirección de facer balance do camiño percorrido polo audiovisual galego neste último cuarto de século, ao mesmo tempo que amosar o momento presente canto á calidade dos creadores e dos produtos actuais.
Ao abeiro deste curso desenvolverase por quinto ano consecutivo o taller ‘Celanova, plató de ficción’, destinado especificamente a alumnos de Comunicación Audiovisual, a través do que se posibilita a produción dunha peza audiovisual nun período de tempo determinado e cun orzamento pechado. Na edición de 2014 crearase unha webserie gravada integramente en Celanova, que amosará os espazos, a arte, as historias, os habitantes e as lendas da vila de Curros Enríquez nun ton de suspense e intriga.