Nova: A Consellería de Cultura e Educación acompaña a Xosé Neira Vilas na presentación da obra ‘Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade’
09/07/2014
A Consellería de Cultura e Educación acompaña a Xosé Neira Vilas na presentación da obra ‘Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade’
O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística
O libro condensa a grande amizade entre o autor e Isaac Díaz Pardo durante máis de medio século e recolle preto de 300 misivas que reflicten o contexto histórico, cultural, económico e político de Cuba, da Arxentina e de Galicia nese período
Santiago, 9 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acompañou este serán ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas na presentación da súa última obra, “Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade”. No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
“É un pracer ver de novo reunidos, desta volta nun libro, dous autores que, durante tantos anos, estiveron vencellados pola angueira común da lingua e da cultura galegas”, dixo o secretario xeral durante a súa intervención. “Esta obra é só outro froito dunha das amizades máis fecundas para a nosa terra que deu o século XX”.
Participaron tamén, ademais de García Gómez e do escritor, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e o director de Edicións Bolanda, Antonio Couto.
‘Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade’
A obra condensa a amizade entre Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas, desde que se coñeceran en Bos Aires no ano 1955 (cando Isaac foi á Arxentina para instalar unha fábrica de porcelana na Magdalena) ata o pasamento deste, acontecido en xaneiro de 2012.
Tras a súa estadía na Arxentina, Neira Vilas marcharía para Cuba, desde onde mantería correspondencia con Díaz Pardo ata o primeiro reencontro en Galicia, no ano 1972. En 1992, o autor trasladaríase aquí definitivamente con Anisia e convivirían con Isaac durante ano e medio no Instituto Galego de Información, en San Marcos.
Neira Vilas e Díaz Pardo compartirían moitas iniciativas e actividades culturais ao longo e ao ancho de Galicia: congresos, premios, mesas redondas, cursos, homenaxes, etc. Isaac foi o principal editor do autor cruceño (Ediciós do Castro) e o ilustrador durante anos.
O libro recompila tamén 105 cartas que Neira recibiu de Isaac ao longo de 50 anos e 173 que Neira lle remitiu ao seu amigo desde Cuba á Arxentina e a Galicia. Nesta correspondencia aparece todo o devir de orde cultural, económico e social do momento. Nas cartas cruzadas que ofrece o traballo áchase un importante treito histórico de dous países, algo que só se pode atopar nun entrañable intercambio epistolar entre dous amigos.
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). É, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega na que destaca como autor inaugural da nosa literatura infantil e xuvenil coa obra “Memorias dun neno labrego” (a máis vendida e traducida do sistema literario galego).
Residiu 43 anos en América, primeiro en Bos Aires (de 1949 a 1961), onde estudou xornalismo e creou coa súa esposa, Anisia Miranda, a editorial e distribuidora continental do libro galego Follas Novas; e despois na Habana (de 1961 a 1992), onde fundou e dirixiu durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, se especializou en xornalismo literario e exerceu de redactor xefe da revista infantil “Zunzún”. Regresou a Galicia no ano 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve aínda na actualidade un importante labor de dinamización cultural e lingüística.
É autor de máis de 50 obras, colaborador de prensa, impulsor de múltiples actividades culturais e escritor activo que segue a ter Galicia e a súa lingua e cultura propias como eixe motivador de todo o seu quefacer literario.
O pasado 26 de xuño, o xurado do Premio Otero Pedrayo, que ten como finalidade perpetuar e honrar a memoria de persoas egrexias no campo das letras e do coñecemento e a súa contribución á cultura galega, acordou por unanimidade outorgarlle a Neira Vilas este galardón por ser “unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais e por todo o traballo feito a prol da nosa cultura, por conseguir durante toda a súa vida levar a nosa cultura e tradición por todo o mundo e por unir xeracións durante anos arredor da nosa historia, lingua e características propias”.