Nova: A Fundación Cela acolle unha exposición sobre a arquitectura que se realiza actualmente en Galicia
09/07/2014
A Fundación Cela acolle unha exposición sobre a arquitectura que se realiza actualmente en Galicia
‘Metagénesix’ é o título baixo o que se presenta esta mostra, que inclúe unha selección de obras de 10 estudios de arquitectos galegos nados na década dos 70
Padrón (A Coruña), 9 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde a exposición ‘Metagénesix’, que lle ofrece ao público unha mostra da arquitectura que actualmente se realiza en Galicia e que se poderá visitar na Fundación Pública Camilo José Cela durante os meses de xullo e agosto.
Trátase dunha selección de obras de 10 estudios de arquitectos galegos nados na década dos 70, que presentan unha concepción e aproximación á arquitectura capaz de dar resposta aos retos actuais da arquitectura global, a partir de trazos específicos locais propios do seu territorio e da súa cultura: tradición construtiva, recursos materiais, valores etc.
Ao labor destes profesionais, “que integran os novos usos e demandas da nosa sociedade nos espazos que definen”, referiuse o secretario xeral de Cultura, quen destacou o seu traballo a prol “dunha arquitectura galega nova e vizosa que merece o noso recoñecemento”.
Unha arquitectura local, pero exportable
‘Metagénesix’ pretende mostrar e evidenciar a capacidade destes novos arquitectos para darlles resposta aos desafíos contemporáneos derivados da crise económica e social e a fin dos paradigmas que guiaron a arquitectura nos últimos anos. Unha arquitectura profundamente enraizada co lugar, pero totalmente exportable. Neste sentido, as obras da exposición danlles resposta ás necesidades programáticas cunha arquitectura honesta, que asume as limitacións propias do momento, do lugar, do encargo e dos recursos dispoñibles, para transformalas en oportunidades.
A selección da exposición, realizada polos comisarios, Carlos Mosquera (1974), Alberte Pérez (1974), Enrique Iglesias (1973) [Trespes.Arquitectos], Felipe Trillo (1976) e Ana Amado (1975), despois dunha convocatoria aberta, permite darlle visibilidade a unha maneira de entender e proxectar arquitectura.
A mostra conta co patrocinio da E.T.S. da Arquitectura da Coruña, LLEDO S.A., coa colaboración de Construcciones Orega, Proyecon, Librería Formatos, Adega Dominio do Bibei e a editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.
Esta iniciativa enmárcase na rede europea Import/Export, que pretende darlle visibilidade ás arquitecturas locais de arquitectos novos, de entre 30 e 40 anos, de diferentes países do continente. Import/Export é parte integrante dos ciclos de arquitectura de ‘Nogo, project-room e think-tank’ para a arquitectura e a arte contemporánea.