Nova: A exposición Alicerces do Museo Arqueolóxico de Ourense recibiu máis de 4.400 visitas

20/01/2016

A exposición Alicerces do Museo Arqueolóxico de Ourense recibiu máis de 4.400 visitas

A mostra, que se basea na evolución urbana na cidade das Burgas nos últimos cinco séculos, inclúe recreacións en 3D de arquitecturas desaparecidas

O secretario xeral de Cultura e a delegada da Xunta en Ourense percorreron esta tarde a instalación, que se exhibe ata o 28 de febreiro na sala de exposicións de Afundación

  • Recreación en 3D da porta da Aira da cidade de Ourense
  • Cartel da exposición Alicerces
  • Anxo Lorenzo visita  "Alicerces" Anxo Lorenzo visita "Alicerces"

Ourense, 20 de xaneiro de 2016.- Desde a súa apertura, o pasado 28 de novembro, un total de 4.414 persoas visitaron a exposición ‘Alicerces’, coa que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu) da Consellería de Cultura e Educación realiza un percorrido pola evolución urbana da cidade das Burgas desde o século XVI ata o XX.

Esta tarde, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, María Sol Díaz, realizaron un percorrido pola mostra, que estará aberta ao público ata o vindeiro 28 de febreiro na sala de exposicións de Afundación.

Acompañados polo director do museo, Xulio Rodríguez, e coordinador da mostra xunto con Avelino Rodríguez, e pola concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, os representantes do Goberno galego tiveron ocasión de coñecer as pezas e documentos que conforman este proxecto expositivo, que incorpora recreacións en 3D de arquitecturas desaparecidas ou imaxinadas da cidade, algunhas delas elaboradas a partir de documentos que se conservan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Imaxes, recreacións e documentos
O percorrido da exposición está organizado en grupos temáticos arredor dos que se organizan as pezas expositivas, os textos explicativos e as imaxes virtuais que dan conta dos cambios acontecidos no urbanismo de Ourense entre o século XVI e o século XX. Para iso, o discurso expositivo parte dunha cidade cunha configuración medieval rodeada por unha cerca e de rúas estreitas e sinuosas, e continúa polas distintas etapas e as transformacións máis importantes, como a que se produce xa no século XIX, cando rompe definitivamente coa súa estrutura medieval.

Ademais de imaxes e recreacións das distintas épocas, a mostra inclúe desde regulamentos e ordenanzas municipais relativas ao século XVI ata as normas de policía urbana do século XIX. A expansión demográfica, a evolución das comunicacións, a transformación das infraestruturas, as actividades económicas e industriais e o auxe da burguesía son outros dos aspectos que recolle a instalación.

A exposición, que se pode consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal, está aberta ao público de luns a venres en horario de 17:30 a 20:30 horas; e sábados, domingos e festivos entre as 12:00 e as 14:00 horas, e, pola tarde, entre as 17:00 e as 20:30 horas.

Comparte