Nova: As consultas nos servizos presenzais dos arquivos da Xunta incrementáronse más dun 200%

21/01/2016

As consultas nos servizos presenzais dos arquivos da Xunta incrementáronse más dun 200%

A nova Lei de arquivos e documentos mellorou os servizos para a consulta de fondos documentais

Santiago, 21 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mellorou os servizos nos arquivos que dela dependen ao abeiro do novo marco legal, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia que define en profundidade os procedementos e funcións e atende, por vez primeira, os novos retos da administración dixital. Así se desprende dun informe elaborado pola propia Consellería, no que se analiza a evolución do tratamento dos fondos documentais da Xunta entre os anos 2009 e 2015.

Nos arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación desenvólvese un labor constante vinculado cos seus fondos documentais e co servizo que estes lles ofrecen á cidadanía e ás administracións. Segundo os datos recompilados, en 2015 estes arquivos prestaron un total de 8.218 documentos, maioritariamente con destino á propia Administración, nun servizo mellorado ano a ano, cuns tempos de resposta máis áxiles e cun control exhaustivo de entradas e saídas.

No servizo presencial de atención de consultas de usuarios, para os investigadores e a cidadanía en xeral, contabilizáronse un total de 39.108 consultas en sala no ano 2015, o que supón un aumento do 213% respecto do ano anterior, e do 332% en relación ao ano 2009.

No referido ás consultas web da base de datos dos arquivos, en 2015 sumaron un total de 17.389 consultas e 117.030 páxinas vistas do portal de arquivos de Galicia. Vinculado a este servizo, facilitóuselles aos usuarios que así o solicitaron un total de 57.433 reproducións, procurando a redución progresiva das copias en papel, en favor das copias dixitais.

Os arquivos dependentes
O sistema de arquivos de Galicia está conformado polo conxunto de arquivos de Galicia mais os órganos da Administración que son competentes para a súa ordenación e desenvolvemento, así como os correspondentes servizos técnicos. Trátase dunha estrutura legal e administrativa que permite un eficaz funcionamento dos arquivos e, xa que logo, da propia Administración, para asegurar a súa conservación a longo prazo e o acceso da cidadanía ao patrimonio documental.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia.

O sistema está encabezado polo Arquivo de Galicia, creado no ano 2010, e inclúe tamén o Arquivo do Reino de Galicia, creado en 1775, e os Arquivos Históricos Provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra, que teñen a súa orixe no ano 1931. Ademais destes grandes arquivos, o departamento dirixido por Román Rodríguez xestiona ou coordina os propios das consellerías de Cultura e Educación, Industria, Política Social e os arquivos territoriais da Xunta de Galicia, en Lugo, Pontevedra e Vigo.

Os arquivos son administración e son cultura. Representan a cultura da Administración porque constitúen o precipitado material das normas, dos procedementos, dos actos e da forma de traballar das organizacións públicas e privadas. Pero, nun sentido máis amplo, son cultura porque conforman algo tan transcendente como o patrimonio documental dun país.

Comparte