Nova: Escenas do Cambio arranca esta semana levando o teatro a once fogares
25/01/2016
Escenas do Cambio arranca esta semana levando o teatro a once fogares
Europa na casa reúne quince persoas no salón dos apartamentos cedidos por cidadáns de Santiago para disertar sobre Europa e o seu significado
A semana inaugural esténdese do 28 ao 31 de xaneiro cun programa que inclúe a estrea mundial de ‘Tijuana’ e catro estreas españolas, entre elas o ‘Don Juan’ da compañía galega Voadora, ademais de conferencias como a de Chantal Mouffe
As entradas xa están á venda a un prezo de 8 euros no Museo Centro Gaiás ou www.ataquilla.com (+gastos de xestión)
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016.- ‘Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción’ bota a andar esta semana na Cidade da Cultura de Galicia da man da compañía alemá Rimini Protokoll, que levará o seu concepto de teatro de acción a once fogares de Compostela.
‘Europa na casa’, de Rimini Protokoll, será unha das catro estreas en España que ‘Escenas do Cambio 2016’ ofrecerá na primeira semana de festival. A obra da compañía alemá achegará o festival á cidade de Santiago, levando a representación ao salón dunha casa, onde o público se converterá en suxeito activo. Quince persoas ao redor dunha mesa protagonizarán esta perfomance que entrelaza historias persoais cos mecanismos políticos de Europa.
Xunto con ‘Europa na casa’, a primeira semana de ‘Escenas do Cambio 2016’ contará coa estrea mundial de ‘Tijuana’, da compañía mexicana Lagartijas tiradas al sol. E catro estreas en España, entre elas, o ‘Don Juan’ de Voadora, unha interpretación libre do mito de Molière que a compañía galega porá en escena da man de 25 voluntarios maiores de 65 anos e que supón unha das tres coproducións deste festival da Cidade da Cultura. Xunto ao ‘Don Juan’, estrearase ‘Jaguar’ de Marlene Monteiro Freitas e ‘Archive’ de Arkadi Zaides. Para redondear esta semana inaugural, o Museo Centro Gaiás acollerá o sábado 30 a obra ‘Cedric Andrieux’ do recoñecido bailarín francés Jerome Bel.
Reflexión, debate e formación
O festival ofrecerá espazos para a reflexión, o debate e a formación, con figuras como a politóloga belga Chantal Mouffe, unha das pensadoras que mellor están a analizar os cambios sociais que acontecen en Europa. Xunta a ela, Isabel de Naverán, Stefan Kaegi ou Luisa Pardo completarán as conferencias para esta primeira semana.
O Museo Centro Gaiás acollerá tamén o ‘Grupo de lectura e acompañamento ao festival, no que uns 50 profesionais do sector reflexionarán da man da investigadora Isabel de Naverán e a coreógrafa Idoia Zabaleta ao redor das prácticas creativas.
Producións site specific
‘Escenas do Cambio 2016’ contará ao longo destas tres semanas que terá lugar na Cidade da Cultura con producións site specific, entre as que estará a de Uxía Vaello e Borja Fernández con ‘Insulto ao público’ de Peter Handke, un dos grandes dramaturgos europeos, reiteradamente proposto ao Nobel. Nesta peza, da que se cumpren 50 anos, traballarase cun grupo de adolescentes, avanzando na liña de traballo coa comunidade.
Outra das producións específicas será o paseo-lectura de Idoia Zabaleta de ‘Os Eidos’ de Uxío Novoneyra, que convidará a subir desde Santiago ao Gaiás bailando e recitando versos do poeta do Courel.
Protagonismo da danza e de África
O festival contará con tres coproducións: ‘Ensaio amor’ da galega Nuria Sotelo; ‘Barrunto’ de Patricia Caballero e ‘Si pudiera hablar de esto no haría esto’ da bailarina galega Janet Novás, bailarina bailarina que traballa para os mellores coreógrafos en España, sempre vinculada á Galicia e que terá un especial protagonismo no festival de 2016.
Outro dos grandes nomes no ámbito da danza será Rocío Molina, unha das bailaoras que está a levar a cabo o flamenco máis experimental. A presenza de África virá da man de Bouchran Ouizguen, Radouan Mriziga, Faustin Liyenkula, Marlene Monteiro, Cecilia Bengolea o François Chaignaud. Fidalgo adiantou a peza ‘Mordedores’ de Marcela Levi, reflexión sobre o erotismo e a violencia, na que bailaríns brasileiros danzan mordéndose. A escena internacional complétase con traballos ligados á memoria, como o da Joana Craveiro sobre a historia de Portugal, obra de longa duración na que se servirá a cea ao público.
As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). Toda a información sobre o festival e as entradas pode atoparse en www.cidadedacultura.gal ou www.escenasdocambio.org. A programación dos eventos tamén se pode consultar na Axenda de Cultura de Galicia.