Nova: O CGAI crea unha nova sección para pór en relación películas actuais con títulos de todos os tempos

26/01/2016

O CGAI crea unha nova sección para pór en relación películas actuais con títulos de todos os tempos

Contextos ábrese co filme The Assassin, pola que Hou Hsiao-Hsien obtivo o premio ao mellor director en Cannes

En febreiro será a quenda da produción alemá Phoenix, de Christian Petzold, que se confrontará cos clásicos Berlín Occidente, de Billy Wilder, e Vértigo, de Alfred Hitchcock

  • The Assassin The Assassin
  • Phoenix Phoenix

A Coruña, 26 de xaneiro de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) incorpora un novo apartado á súa relación de seccións habituais que, baixo o epígrafe ‘Contextos’, confrontará destacados filmes actuais con outros títulos clásicos e contemporáneos desde diferentes puntos de vista, como o temático, o estilístico ou o ambiental, entre outros.

A nova sección arrancará esta semana coa proxección mañá mércores de ‘The Assassin’, película na que o realizador taiwanés Hou Hsiao-Hsien reinventa o cinema de artes marciais e polo que acadou o premio á mellor Dirección na pasada edición do Festival de Cine de Cannes. A acción do filme sitúase na China do século IX, onde unha moza regresa á casa familiar convertida nunha auténtica xusticeira cuxa misión é eliminar os tiranos.

‘The Assassin’ porase en relación con outras dúas aproximacións autorais ao xénero ‘wuxia’, ambas as dúas asinadas por Wong Kar-Wai: ‘Ashes of Time Redux’, que se proxectará o xoves 28, e ‘The Grandmaster’, prevista para o venres 29.

Segunda achega
Xa en febreiro, será a quenda de ‘Phoenix’, produción alemá dirixida por Christian Petzold e premio FIPRESCI na edición de 2014 do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A fita achéganos a historia de Nelly, unha sobrevivente de Auschwitz, quen regresa ao seu Berlín natal gravemente ferida e coa cara desfeita, pero coa firme determinación de atopar o seu home Johnny, o amor da súa vida. O filme exhibirase o martes 24 de febreiro.

Antes proxectaranse as dúas longametraxes que lle serven aquí de contexto: ‘Berlín Occidente’, de Billy Wilder, programada para o 10 de febreiro, e ‘Vértigo’, de Alfred Hitchcok, para o 17 de febreiro. A través delas, propónselles aos espectadores un itinerario desde unha dobre perspectiva: a ambiental (o Berlín da posguerra retratado por Billy Wilder) e o temático (a reencarnación dunha muller dada por morta en ‘Vértigo’).

Todos os filmes da sección ‘Contextos’ exhibiranse na sala coruñesa do CGAI en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas. A programación completa do Centro Galego de Artes da Imaxe, así como a información sobre horarios e venda de entradas, pode consultarse no web www.cgai.gal e na Axenda de Cultura de Galicia: http://www.cultura.gal/gl/ciclo/1611

Comparte