Nova: Máis de 50 autores e autoras reinterpretan clásicos da literatura universal a través da ilustración
28/01/2016
Máis de 50 autores e autoras reinterpretan clásicos da literatura universal a través da ilustración
A programación do Día da Ilustración nas bibliotecas ábrese coa presentación do catálogo ‘Novas olladas sobre os clásicos universais’
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2016.- A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) reinterpreta máis de 50 contos e fábulas da literatura universal a través da ilustración, con imaxes creadas polos seus socios e socias. O froito deste traballo acaba de ver a luz no catálogo ‘Novas olladas sobre os clásicos universais’, que foi presentado esta tarde polos novos directivos da AGPI Sergio Covelo, presidente, e María Álvarez, secretaria, xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
A Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal acolleu esta tarde o acto no que se deu a coñecer a obra e que supuxo o inicio da programación conmemorativa coa que as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e mais a Biblioteca de Galicia celebran durante esta semana o Día da Ilustración.
“Carapuchiña vermella’, ‘Alicia no país das marabillas’, ‘O principiño’, ‘Polgariño’, ‘O ratiño Pérez’, ‘O gato con botas’ ou ‘Os tres porquiños’ son algúns dos clásicos que nos redescobren agora os membros da AGPI coa súa particular mirada artística, traducida nas ilustracións que conforman o catálogo, publicado co apoio da Consellería de Cultura e Educación e mais da Deputación Provincial da Coruña”, afirmou Anxo Lorenzo.
Poñer en valor a ilustración
Durante a súa intervención, o secretario xeral agradeceulles a todos os membros da AGPI a súa implicación activa e colaboración na celebración do Día da Ilustración, “unha data que incorporabamos en 2013 ao Calendario do Libro e da Lectura –o 30 de xaneiro, coincidindo co nacemento de Castelao– co obxectivo de poñer en valor o papel da ilustración no ámbito editorial, así como a calidade e excelencia da obra que están as desenvolver os ilustradores e as ilustradoras galegas”.
Ademais de presentar o catálogo, a directiva da AGPI avanzou algunhas das iniciativas previstas pola entidade para poñer en marcha ao longo deste ano, entre as que destaca a campaña ‘Guía Ninja da ilustración’. Esta semana, o sábado día 30 de xaneiro, tamén convidan a todas e todos os ilustradores galegos ou radicados en Galicia a cambiar a súa imaxe de perfil nas redes por un autorretrato e a compartila baixo o hashtag #nosilustramos, para celebrar o Día da Ilustración.
Programación conmemorativa nas bibliotecas
As bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e mais a Biblioteca de Galicia tamén se suman a esta celebración con múltiples actividades para todos os públicos, que se poden consultar en cultura.gal, a través da Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda