Nova: O Arquivo de Galicia achégase á emigración galega a través do patrimonio documental
02/02/2016
O Arquivo de Galicia achégase á emigración galega a través do patrimonio documental
A mostra Emigrantes: terras, xentes, emocións reúne 45 documentos dos séculos XVII ao XX
Permanecerá aberta na Cidade da Cultura ata o vindeiro 4 de marzo, pon de relevo a importancia da emigración na sociedade galega, así como o valor das fontes documentais para o seu estudo
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016.- A nova exposición do Arquivo de Galicia propón unha viaxe pola emigración galega a través do patrimonio documental. Conformada por preto de 50 documentos que se custodian neste arquivo da Consellería de Cultura e Educación, a mostra ‘Emigrantes: terras, xentes, emocións’ foi presentada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita.
Deste novo proxecto expositivo, que se poderá visitar na Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo, Rodríguez Miranda destacou o feito de lle ofrecer á cidadanía “un percorrido pola historia do fenómeno migratorio en primeira persoa: coas voces e vidas dos propios protagonistas dese fenómeno”, dixo.
Ademais de se referir ao feito de “recuperar e poñer en valor o legado dos nosos paisanos no exterior” como “un mandato moral para toda a galeguidadade”, o titular de Emigración recordou que “fortalecer esa galeguidade é unha tarefa na que estamos intimamente involucrados todos os galegos, residamos onde residamos”.
A emigración a través das fontes documentais
Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura incidiu na “relevancia que adquiren para o estudo e investigación da emigración galega as fontes documentais que custodian os nosos arquivos” e fixo fincapé en que, “malia a súa importancia social, os arquivos continúan sendo hoxe un ámbito descoñecido para boa parte da cidadanía”, polo que instou a “seguir impulsando a dinamización e divulgación do noso patrimonio documental”.
A mostra ‘Emigrantes: terras, xentes, emocións’, que cronoloxicamente abarca o período comprendido entre os séculos XVII e XX, reúne un total de de 45 documentos. Deles, 43 proceden dos diversos fondos, tanto de orixe pública como privada, que se custodian no Arquivo de Galicia, e os restantes, dous álbums de postais, son da colección particular dunha familia retornada de Cuba.
Entre os documentos de orixe pública destacan os procedentes da Secretaría Xeral de Emigración, todos eles relacionados coas actividades desenvolvidas polas sociedades galegas en Arxentina e Cuba, mentres que os de orixe privada proceden dos fondos da Familia Vilariño Pintos, da Familia Pita da Veiga, da Casa de Banco e Comercio Bengoechea e mais da Asociación Cultural O Penedo.
Diferentes miradas á emigración
A selección que conforma a mostra fai referencia a ámbitos diversos, con información relativa aos transportes, de carácter bancario ou mesmo médico, que reflicten diferentes aspectos da emigración en distintos momentos históricos.
Nela inclúense, entre outros, documentos como a información facilitada por un mourisco arredor do ano 1600 para acreditar a súa “limpeza de sangue”, un memorial do marqués de Bosqueflorido, deputado xeral do Reino de Galicia, no que se relata a emigración de galegos a Portugal no século XVIII; letras de cambio expedidas en Buenos Aires en 1904, a pagar en Ribadeo pola Casa de Comercio e Banca Bengoechea; un cartel de 1911 anunciador do servizo regular de vapores da compañía inglesa Mac Andrews e da súa filial en Barcelona; a historia clínica dunha muller retornada da Habana en 1936, procedente do Hospital Psiquiátrico de Conxo; e cartas escritas desde México ou Arxentina dando noticias de interese particular, pero tamén de acontecementos e situacións de interese xeral.
A cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia
O Arquivo de Galicia, xestionado pola Consellería de Cultura e Educación e con sede na Cidade da Cultura de Galicia, custodia os documentos producidos fundamentalmente polo Goberno galego e os órganos e entidades del dependentes desde a súa creación en 1982.
Cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia, polo que simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade, o Arquivo de Galicia recibe, custodia, comunica e difunde o patrimonio documental de Galicia, para o servizo da Administración e da cidadanía.