Nova: O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea publica o traballo Renacer, de Eva Díez, gañador da terceira edición

05/02/2016

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea publica o traballo Renacer, de Eva Díez, gañador da terceira edición

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe en Ourense na presentación da obra, xunto coa autora e os coordinadores do certame
 

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe en Ourense na presentación da obra, xunto coa autora e os coordinadores do certame O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe en Ourense na presentación da obra, xunto coa autora e os coordinadores do certame

Ourense, 5 de febreiro de 2016.- O traballo gañador do III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, ‘Renacer’, de Eva Díez, acaba de ver a luz nunha publicación que foi presentada hoxe en Ourense pola propia autora, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polos coordinadores do certame, Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez.

“Ás casas en ruínas que centran este proxecto, Eva Díez consegue devolverlles a vida que noutrora tiveron a través da luz”, explicou durante a presentación Anxo Lorenzo, quen afirmou que nas fotografías da autora “hai moito de poesía visual, de alegoría, de metáforas plásticas que nos achegan á temática do abandono, pero que á vez nos transmiten a forza das historias persoais que hai detrás de cada un destes espazos inhóspitos”.

“O xurado do premio captou e valorou esa emoción que se desprende da luz cálida e evocadora destras obras, que transitan por paisaxes de Galicia, pero tamén doutros lugares como Asturias, Cantabria, Menorca ou Barcelona”, dixo.

Nacido ao abeiro do Outono Fotográfico, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación Provincial de Lugo. O obxectivo do certame é situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea.

Cunha dotación económica de 12.000 euros, o premio tradúcese na produción dunha exposición e mais na edición dun libro, xunto coa itinerancia da mostra.

Edicións anteriores
Na primeira edición, en 2013, concorreron ao premio máis de 40 proxectos procedentes dun total de 10 países. A obra gañadora foi nese ano ‘Posesións para un esquecimento’, do lucense Daniel Díaz Trigo. Na convocatoria de 2014, o xurado do certame acordou outorgarlle o galardón ex aequo ás series ‘Le cirque noir’, de Berto Macei, e mais ‘Rururbania Salnés’, de Jose Romay.

Comparte