Nova: Escenas do Cambio enche de danza o Gaiás na súa última semana
10/02/2016
Escenas do Cambio enche de danza o Gaiás na súa última semana
Acolle unha retrospectiva da bailarina galega Janet Novás e Rocío Molina e Rosario La Tremendita póñenlle o broche de ouro ao festival coa peza Afectos
Santiago, 10 de febreiro de 2016.- Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción chega ao seu fin facendo da danza a protagonista do Museo Centro Gaiás. Unha pequena retrospectiva da bailarina galega Janet Novás, os movementos dos clubs de baile de Cecilia Bengolea e François Chaignaud e a nova linguaxe flamenca de Rocío Molina e Rosario ‘La Tremendita’ compoñen o cartel desta última semana de ‘Escenas do Cambio’.
A semana arranca este xoves, 11 de febreiro, co primeiro dos tres solos que compoñen a pequena retrospectiva que Escenas do Cambio lle dedica nesta edición á bailarina galega Janet Novás (Porriño, 1982). “Queremos poñer en valor a traxectoria sólida dunha bailarina cunha técnica exquisita”, asegura Pablo Fidalgo, director artístico do festival.
Así, a Sala 2 do Museo Centro Gaiás acolle mañá a obra ‘Cara Pintada’, do 2010, e o venres será a quenda de ‘Who will save me today?’, de 2012. Como colofón ao festival, Janet Novás porá en escena ‘Si pudiera hablar de esto no haría esto’, peza que vén de estrearse o 4 de febreiro no Festival de Otoño de Madrid.
A semana complétase con ‘Altered Natives Say Yes to Another Excess-Twerk’, de Cecilia Bengolea e François Chaignaud, que terá lugar este xoves ás 20:30 horas. Dotados dunha grande experiencia en clubes de todo o mundo, Bengolea e Chaignaud converterán o Museo Centro Gaiás nun club de baile no que cinco bailaríns e tres DJs famosos da escena Grime de Londres trasladarán a forza expresiva de danzas extremas para crear un espazo de confraternidade compartida e de poesía contemporánea.
Broche de ouro co Premio Nacional de Danza Rocío Molina
O broche de ouro a ‘Escenas do Cambio’ virá da man da Premio Nacional de Danza Rocío Molina que, xunto a Rosario ‘La Tremendita’, interpretará a obra ‘Afectos’, unha reflexión baseada na loita do ser e na capacidade de atopar a sinxeleza, a naturalidade e a confianza a través da existencia. Un traballo emotivo onde o silencio, a vibración, as texturas sonoras, a estética, o son, a voz, a danza ou a escena percorren un camiño de fonda busca cara ao máis profundo de cadaquén.
Coreógrafa iconoclasta, Rocío Molina acuñou unha linguaxe propia cimentada na tradición reinventada dun flamenco que respecta as súas esencias e se abraza ás vangardas. Ao longo da súa carreira colaborou con grandes figuras do flamenco como María Pagés, Miguel Poveda, Antonio Canales ou Israel Galván. En ‘Afectos’, Rocío Molina traballa a catro mans con Rosario ‘La Tremendita’, cantaora, compositora, investigadora e renovadora da tradición flamenca.
As entradas para Escenas do Cambio están xa a venda e poden adquirirse no Museo Centro Gaiás, nos puntos físicos de Ataquilla ou na páxina web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). Toda a información sobre o festival e as entradas pode atoparse en www.cidadedacultura.gal ou www.escenasdocambio.org.