Nova: Ultímase a incorporación de Exponav á Rede Galega de Museos
13/02/2016
Ultímase a incorporación de Exponav á Rede Galega de Museos
Este centro museográfico de Ferrol está xestionado pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas
Ferrol, 13 de febreiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou Exponav, onde sinalou que a Consellería ten xa moi avanzados os trámites para a incorporación deste centro museográfico á Rede Galega de Museos. Neste sentido o titular do departamento autonómico de Cultura salientou o importante papel que desenvolve este centro na conservación do patrimonio naval galego, ademais de presentar a tecnoloxía directamente relacionada con este sector, de capital importancia para a economía galega. O conselleiro sinalou, ademais, o valor que Exponav podería ter no marco da Rede como museo monográfico e xunto co Museo do Mar de Galicia, situado na cidade de Vigo.
Na súa visita a Ferrol o conselleiro estivo acompañado polo titular de Política Social, José Manuel Rey Varela; o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol e polo Xerente da Fundación, entre outras autoridades.
Sistema galego de museos
Forman parte do Sistema Galego de Museos todos os museos e coleccións visitables, de diversas titularidades e tipoloxías, situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia autorizados pola Consellería de Cultura e inscritos no Censo de Museos e Coleccións.
As competencias que ten atribuídas nesta materia a consellería de cultura exércense principalmente nos tres museos propios que posúe e nos cinco que xestiona de titularidade estatal, pero tamén nos máis de 70 museos e coleccións que se distribúen pola xeografía galega, pertencentes a administracións locais, fundacións privadas e á igrexa.
Segundo os contidos temáticos destes museos e coleccións actualmente o sistema está clasificado nas seguintes tipoloxías de museos: Arqueolóxicos, de Arte contemporánea, de Arte sacra, de Belas artes, Casas-museo, de Ciencia e tecnoloxía, de Ciencias naturais e historia natural, de sitio, de Etnografía e antropoloxía, Históricos, Monográficos e Xerais.
Exponav
Xestionado pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas – de carácter civil-, Exponav conta cunha ampla colección de elementos de construción naval desde o século XVIII ata os nosos días, ofrecendo unha visión divulgativa sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España.
Ademais destes elementos expositivos, o centro alberga un importante fondo documental composto por planos de proxectos de construción naval, debuxos técnicos, monografías, publicacións seriadas, e catálogos, entre outro material de temática especializada, así como cunha ampla colección de material fotográfico complementario e unha Biblioteca.