Nova: Unha vintena de programadores de festivais nacionais e internacionais asistiron a Escenas do Cambio
15/02/2016
Unha vintena de programadores de festivais nacionais e internacionais asistiron a Escenas do Cambio
A segunda edición do festival serviu de escaparate para presentar 12 traballos de artistas e compañías galegas, impulsando producións como o ‘Don Juan’ de Voadora, ‘Insultos ao Público’ de Borja Fernández e Uxía Vaello, ou a retrospectiva sobre a bailarina Janet Novás
O Gaiás recibiu a representantes de teatros e institucións de referencia, como o Festival Materiais Diversos de Minde (Portugal), o Teatro Rivoli de Porto (Portugal), MA Scène Nationale de Montebéliard (Francia), Marche Teatro de Ancona (Italia) ou o Festival BAD de Bilbao
A Cidade da Cultura destaca a consolidación dun festival que se despide cun incremento de visitantes, un total de 3.063
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca a proxección das artes escénicas galegas que permitiu a segunda edición de ‘Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción’, que reuniu na Cidade da Cultura unha vintena de programadores de festivais e teatros nacionais e internacionais, como o Festival Materias Diversos de Minde (Portugal), o Teatro Rivoli de Porto (Portugal), MS Scène Natinale de Montbéliard (Francia), Marche Teatro de Ancona (Italia), o Festival BAD de Bilbao, o Festival TNT de Tarrassa o Centro Párraga de Murcia, o Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas en Madrid ou El Graner de Barcelona.
A Cidade da Cultura chama a atención sobre a consolidación de ‘Escenas do Cambio’ no circuíto internacional de festivais, pechando a súa segunda edición cun incremento no número de espectadores: un total de 3.063, entre as persoas que asistiron aos espectáculos, ás conferencias e a outro tipo de actividades, como a proxección audiovisual dunha obra de Jérôme Bel na Sala Numax de Santiago ou os estudantes que participaron no Grupo de Lectura e Acompañamento.
Promocionando compañías e artistas
‘Escenas do Cambio’, que conta coa dirección artística do vigués Pablo Fidalgo Lareo, serviu de plataforma para dar a coñecer o traballo dunha ducia de compañías e artistas galegos, así como para apoiar a creación a través da produción de espectáculos como ‘Insulto ao público’ dos galegos Borja Fernández e Uxía Vaello o ‘Don Juan’ de Voadora, que tras o éxito de público acadado no Gaiás se representou onte no Teatro Principal de Santiago de Compostela e continuará previsiblemente o seu percorrido fóra de Galicia.
O festival permitiu pór o foco sobre o traballo de artistas galegos que se están a construír unha carreira artística sólida fóra de Galicia, como a bailarina de Porriño Janet Novás, a quen se lle dedicou unha pequena retrospectiva coa programación de tres das súas pezas. Na programación desta segunda edición houbo tamén un espazo para renderlle unha homenaxe a unha das obras clave da literatura galega: ‘Os Eidos’ de Uxío Novoneyra, obxecto dun traballo por parte da creadora vasca Idoia Zabaleta, dentro da súa liña de creación artística libros-bailados.
Teatro de Alemaña, México, Brasil ou África
Esta edición achegou a Santiago a nomes do teatro e danza contemporánea que están sendo unha referencia internacional, como a compañía alemá Rimini Protokoll ou os mexicanos Lagartijas tiradas al sol, compañías que rexistraron unha extraordinaria acollida por parte do público galego, con aforo esgotado, ao igual que artistas como o bailarín israelí Arkadi Zaides ou Rocío Molina e Rosario La Tremendita, encargadas de pechar o festival o sábado co seu espectáculo ‘Afectos’.
‘Escenas do Cambio’ despide unha edición na que abriu as súas portas a artistas chegados de Brasil e África, como Radouan Mrziga, Bouchra Ouizguen, Faustin Linyekula ou Marcela Levi, nun intento de abrir Galicia ao novas linguaxes que se están a desenvolver no mundo.
O festival ‘Escenas do Cambio’ celébrase grazas ao apoio económico do Fondo Gaiás da Empresa Galega, na que están integradas as empresas da antiga Fundación Gaiás. Nesta edición contou coa colaboración do Concello de Santiago, o CGAC, a Sala Numax, o Goethe Institut, o Festival BAD de Bilbao, o Festival ALT de Vigo, o espazo AZALA, o Festival Alkantara, Festival de Otoño a Primavera e o Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual da Universidade de Alcalá.