Nova: A Panadaría enche de humor o Salón Teatro cos espectáculos Pan! Pan! e Panamericana

16/02/2016

A Panadaría enche de humor o Salón Teatro cos espectáculos Pan! Pan! e Panamericana

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman ofrecerán a súa obra de debut de mércores a venres e a súa segunda montaxe o sábado e mais o domingo
 

  • Imaxe do espectáculo Panamericana
  • Imaxe do espectáculo Pan! Pan!

Santiago, 16 de febreiro de 2016.- O Salón Teatro de Santiago recibe esta semana a compañía A Panadaría coa programación dos dous espectáculos realizados ata agora polo trío escénico que integran as actrices galegas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Así, a partir de mañá mércores e ata o venres, ás 20.30 horas, porase en escena ‘Pan! Pan!’, en tanto que o sábado (20.30 h) e o domingo (18.00 h) representarase ‘Panamericana’.

O público poderá achegarse deste xeito ao traballo desta nova compañía a través das producións que teñen realizado na súa breve aínda que recoñecida traxectoria sobre os escenarios. Os espectadores gozarán do seu estilo persoal, que pasa pola creación colectiva, pola utilización do humor nun primeiro plano, pola interpretación de múltiples personaxes e pola inclusión de números musicais en directo.

De feito, ‘Pan! Pan!’ é unha parodia con música vocal en directo sobre os ‘westerns’ americanos. Conta a historia de Harry, un ‘cowboy’ que viaxa perseguindo un indio salvaxe que lle roubou a súa muller, da que está profundamente namorado. Na posta en escena, as tres intérpretes constrúen oito personaxes, cinco espazos e toda a música do espectáculo, axudadas só por unha bandeira dos EE.UU. A comedia fai unha caricatura dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, das fedorentas cantinas e dos desertos cheos de perigos. Como nunha película do ‘Far West’, en ‘Pan! Pan!’ hai whisky, balas e country. E amor e vinganza a partes iguais.

Este espectáculo recibiu o Premio da Crítica Galicia 2015, así como o primeiro premio Xuventude Crea 2013. Tamén Areta Bolado obtivo o Premio María Casares 2015 á Mellor Actriz Secundaria.

Guiso tropical
Segundo a define a compañía, ‘Panamericana’ é unha comedia con sabor a guiso tropical, un musical no que tres actrices interpretan 24 personaxes. Entre eles, Miranda Celia del Río, unha artista de éxito no seu país, Panamérica, que a presión da fama fai que fuxa na procura dunha vida mellor. A súa escapada remata na Provincia, unha vila na que se terá que enfrontar ao seu labiríntico e absurdo aparello burocrático, sanitario e financeiro.

Con esta montaxe, A Panadaría fainos pensar se este mundo é como é ou como nós o percibimos. ‘Panamericana’ fala dun sistema perverso e dos soños rotos dende unha óptica optimista e divertida.

Ademais destes dous espectáculos, A Panadería estivo tamén onte no escenario do Salón Teatro para abrir o acto de presentación da convocatoria dos III Premios Martín Códax da Música con ‘Acuófono’, unha pequena acción escénico-musical realizada con botellas e rollas de viño.

As entradas para asistir a ‘Pan! Pan!’ e a ‘Panamericana’ están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar a partir de mañá na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comenzo das funcións. O prezo é de 10 euros de mércores a domingo (cos descontos habituais) e de 5 euros para o domingo, Día do Espectador.

Comparte