Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía as obras de IlMaquinario, Teatro do Noroeste e Excéntricas

16/02/2016

A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía as obras de IlMaquinario, Teatro do Noroeste e Excéntricas

O Auditorio Municipal ofrecerá ‘Perplexo’ este sábado 20, ‘Palabras malditas’ o 9 de abril e ‘Os amores de Jacques O Fatalista’ o 30 de abril

  • 'Perplexo' 'Perplexo'

Vilagarcía, 16 de febreiro de 2016.- O público arousán terá a oportunidade de asistir esta temporada aos últimos espectáculos das compañías galegas IlMaquinario Teatro, Teatro do Noroeste e Producións Teatrais Excéntricas, que o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa programa como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), cofinancia este circuíto xunto a 39 entidades asociadas para ofrecerlles aos espectadores galegos 317 actuacións escénicas e musicais durante este primeiro semestre do ano.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe en Vilagarcía na presentación destas tres montaxes xunto a Sonia Outón, concelleira de Cultura, e Tito Asorey, integrante de IlMaquinario e director de ‘Perplexo’, que poderá verse no Auditorio Municipal este sábado 20, ás 21.00 horas. Pola súa banda, Teatro do Noroeste representará ‘Palabras malditas’ o 9 de abril e Producións Teatràis Excéntricas, ‘Os amores de Jacques O Fatalista’ o 30 de abril.

Vixésimo aniversario do circuíto
Na súa intervención, Sutil destacou que o Concello vilagarcián é un dos primeiros municipios que se asociaron á Rede Galega de Teatros e Auditorios, que este ano celebra o vixésimo aniversario da súa entrada en funcionamento. En palabras do director da Agadic, “durante este longo período de tempo Vilagarcía ten avanzado como un destino escénico importante, de gran profesionalidade na súa xestión e cunha dinámica de funcionamento capaz de dar resposta no só á demanda do público local, senón tamén ao de toda a zona de Arousa-Salnés”.

As tres funcións en rede que o Auditorio Municipal acollerá esta temporada reflicten tres xeitos diferentes de facer teatro hoxe en día en Galicia. Así, ‘Perplexo’ é a segunda montaxe de Ilmaquinario, unha delirante comedia coa que esta compañía de recente creación se converteu na revelación do mercado Galicia Escena Pro 2014 e na triunfadora da pasada edición dos Premios María Casares de Teatro cun total de cinco galardóns (mellor espectáculo, dirección, adaptación, iluminación e vestiario).

Vilagarcía tamén recibirá o espectáculo ‘Palabras malditas’, que Teatro do Noroeste estreou o pasado mes de xaneiro e que se representará no Auditorio Municipal o sábado 9 de abril. A histórica compañía galega pon en escena un texto do seu director, Eduardo Alonso, ambientada na Coruña nos anos da posguerra. Ademais de ser un dos espectáculos máis programados este semestre na Rede Galega de Teatros e Auditorios, con 11 funcións en cartel, ‘Palabras malditas’ fará temporada no Teatro Español de Madrid, onde poderá verse do 5 ao 22 de maio.

A última das tres propostas chega da man de Quico Cadaval, director de ‘Os amores de Jacques O Fatalista’, que Producións Teatráis Excéntricas presentará na capital arousá o sábado 30 de abril. As catro personaxes iniciais multiplicaranse en escena para achegarlle ao público as moi diferentes historias desta divertida adaptación da obra de Jacques Diderot.

As entradas para a función de ’Perplexo’ deste sábado xa están á venda na web de Ticketea, platafoma a través da que tamén se poderán mercar proximamente os billetes para ‘Palabras malditas’ e ‘Os amores de Jacques O Fatalista’.

Máis de 18.000 butacas
A Rede Galega de Teatros e Auditorios constitúe na actualidade a principal canle para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual a través da oferta dunha capacidade potencial total de 18.096 butacas en 41 escenarios de 38 localidades.

No que respecta á programación global da rede para este primeiro semestre de 2016, organizaranse un total de 317 funcións, das que 286 corresponden a compañías galegas. Delas, 262 son propostas teatrais, 27 musicais, 21 de danza, 4 de maxia e 3 de novo circo. Estas cifras supoñen un aumento no número de funcións próximo ao 24 por cento respecto ao mesmo semestre do pasado ano 2015.

Comparte