Nova: Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades

18/02/2016

Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades

Galerías galegas, do resto do Estado e internacionais participan na terceira edición desta feira de arte contemporánea, que se celebra en Santiago de Compostela do 11 ao 13 de marzo

Os cuartos dun hotel volven ser o escenario desta iniciativa organizada por Territorio Cultura co apoio de Cultura, que ten como obxectivos promover o mercado da arte actual e difundir a creación cultural contemporánea 

  • Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades
  • Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades
  • Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades Cuarto Público regresa con máis de 400 artistas e 50 actividades

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016.- A feira de arte contemporánea de Galicia Cuarto Público regresa este ano coa súa terceira edición, que se celebrará entre o 11 e o 13 de marzo no NH Collection de Santiago de Compostela coa implicación de máis de 400 artistas e con máis de 50 actividades programadas.

O hotel compostelán acolleu esta mañá a rolda de prensa na que se deu a coñecer o novo programa da feira, organizada por Territorio Cultura co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Paula Cabaleiro e Xulia Santiso, ambas directoras, presentaron a programación desta “iniciativa diferente e orixinal para lle achegar a arte a diferentes públicos, ao tempo que se presenta como unha plataforma para impulsar a dinamización da nosa creación cultural e como unha canle para favorecer a compra-venda de arte actual”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Segundo asegurou durante a presentación, Cuarto Público é froito dun amplo traballo colectivo, que se sustenta, principalmente “no bo facer, no esforzo e na ilusión por parte da organización, no compromiso das empresas e entidades que cada ano acoden a esta cita, na diversidade de disciplinas e de formatos aos que se lles dá cabida, no amplo número de artistas que participan na programación de actividades e na suma de apoios de diferentes organismos e institucións”.

A concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o director do NH Collection, Esteban Iglesias, tamén participaron na rolda de prensa en representación do resto de institucións e entidades que apoian a feira.

Diversas galerías e espazos de arte
Cuarto Público contará na súa terceira edición con galerías e espazos de arte procedentes de distintos puntos de Galicia, do resto de España e mesmo do estranxeiro, como as galerías Trinta, Metro e Bus Station Space de Santiago de Compostela; Dispara, da Estrada; About Art Gallery, de Pontevedra; Lab-in, de Vigo; Monty4, da Coruña; La Aurora, de Murcia; Siboney, de Santander; o Espaço Genoveva Oliveira, de Lisboa; e a Ufo Fabrik Gallery de Trento (Italia), entre outras.

Un programa multidisciplinar
Con máis de 400 artistas implicados e máis de 50 actividades programadas, Cuarto Públicio busca achegarlle a arte á cidadanía cun programa que inclúe 20 proxectos expositivos, unha sección editorial, unha sección de proxectos alternativos e un foro de presentación, ademais de accións artísticas en vivo, con música, performance, moda, poesía, grafitti e danza, e de actividades didácticas e visitas guiadas.

Programación previa noutras cidades
Como antesala á apertura da feira, Cuarto Público ofrecerá diversas actividades en museos, fundacións, espazos expositivos e universidades das principais cidades galegas. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que o pasado mes de novembro xa acollera o I Encontro de Performance Cuarto Público, volve ser protagonista co espectáculo de danza contemporánea ‘Permodus’, que terá lugar o 10 de marzo ás 19:00 horas, con entrada libre. Ademais, o centro de arte, xestionado pola Consellería de Cultura e Educación, estará presente un ano máis na feira cun stand propio.

Proxectos premiados
Tamén se exhibirán en diferentes cuartos do hotel os proxectos gañadores da segunda edición dos galardóns de Cuarto Público. O Premio Xunta de Galicia recaeu na obra ‘365 maneiras de estar nun cuarto’, do ourensán Rosendo Cid; mentres que os premios Concello de Santiago e NH Collection Santiago foron, respectivamente, para os proxectos ‘Con/sin Visado’, do marroquí Amine Asselman, e ‘Antípodas’, do xixonés Román Corbato e do gaditano Miguel Benjumea.

Apoio a iniciativas e mostras artísticas
A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con diferentes iniciativas e mostras artísticas. En 2015, impulsou a difusión dos artistas galegos a través do seu apoio a proxectos como a Bienal de Pintura Laxeiro e a diversas exposicións. Coa colaboración da Xunta de Galicia, o pasado mes de decembro inaugurouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel a primeira mostra individual en Ourense do artista Manuel Quintana Martelo e, no mes de abril, inaugurábase en Madrid, no Centro Cultural Conde Duque, a mostra dos artistas galegos Alejandro González Cruz ‘Alexandro’, Antón Lamazares e José Manuel Vidal Souto. Nos meses de abril e maio expúxose, tamén coa colaboración da consellería, a mostra antolóxica dedicada ao pintor e escultor silledense José Antonio Fondevila, na Casa da Cultura de Silleda.

 

Comparte