Nova: FalaRedes 2016 arranca en Ourense con Todo me fala de ti, homenaxe a Manuel María
18/02/2016
FalaRedes 2016 arranca en Ourense con Todo me fala de ti, homenaxe a Manuel María
O primeiro concerto de Todo me fala de ti coincide no marco da celebración do Día Internacional da Lingua Materna
A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade da sala
Ourense, 18 de febreiro de 2016.- O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura e Educación –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, abre esta fin de semana a súa quinta edición. E faino en Ourense, coincidindo coa celebración institucional do Día Internacional da Lingua Materna, tal e como anunciaron en rolda de prensa esta mañá Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Jesús Vázquez Abad, alcalde da cidade.
“Como non podía ser doutro xeito, neste ano de Manuel María, o programa ‘FalaRedes’ integra unha das mellores propostas artísticas inspiradas no poeta do pobo para renderlle tributo e facer partícipe desta celebración a Rede de Dinamización, nomeadamente a xente miúda, da man de dous dos artistas máis coñecidos pola cativada galega, Uxía e Magín”, destacou o secretario xeral durante a súa intervención, na que avanzou que “este programa de dinamización porá en marcha xa a semana que vén a segunda das propostas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará aos concellos durante este ano para dinamizar a lingua galega”.
Pola súa banda, o alcalde fixo fincapé en que Ourense enmarca a actividade ‘Todo me fala de ti’ na celebración institucional do Día da Lingua Materna. García Gómez e Vázquez Abad estiveron acompañados polos músicos responsables de ‘Todo me fala de ti’, Uxía e Magín Blanco, e mais pola representante de Urdime Propostas Culturais, Emi Candal.
‘Todo me fala de ti’
‘FalaRedes’ ábrese cunha actividade de dinamización lingüística que é tamén unha homenaxe a Manuel María, o autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Os recoñecidos músicos Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro -que teñen mostrado a súa mestría para engaiolar o público infantil en traballos como María Fumaça, Rosalía pequeniña, A nena e o grilo ou Gatuxo- cantan os textos do poeta da Terra Cha nun concerto pensado para nenos e nenas de máis de 5 anos e para as súas familias.
Deste xeito, ao tempo que difunden a obra de Manuel María entre a xente miúda, amplían o repertorio de música infantil en galego coas cancións do seu disco Canta o cuco. ‘Todo me fala de ti’ ofrécenos, pois, temas bonitos e doados de aprender que se desfrutarán durante o concerto e que, con seguridade, se seguirán cantando na casa para que o galego estea presente no espazo familiar unha vez rematada a actividade.
Baixo xestión de Urdime, o espectáculo de dinamización lingüística baseado no proxecto editado por Galaxia chegará a 15 localidades da RDL de febreiro a maio de 2016.
Próxima parada, Marín
A localidade pontevedresa de Marín será, logo da estrea na Cidade das Burgas do novo ‘FalaRedes’, a seguinte anfitrioa de ‘Todo me fala de ti’ o vindeiro sábado 27 de febreiro, ás 18:00 horas, na biblioteca pública municipal Vidal Pazos. Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala.
A programación de ‘Todo me fala de ti’ desenvolverase ata o mes de maio nos concellos da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Vilalba, O Barco de Valdeorras,O Carballiño, Cangas, A Estrada, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal).
O calendario completo estará dispoñible proximamente no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.
‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
Toda a información en lingua.gal.