Nova: Cultura e Educación participa na inauguración da nova exposición do Museo de Pontevedra, ‘Da vida á morte no antigo Exipto’

10/07/2014

Cultura e Educación participa na inauguración da nova exposición do Museo de Pontevedra, ‘Da vida á morte no antigo Exipto’

Un conxunto de 132 pezas de gran relevancia histórica e artística conforman esta mostra promovida pola Deputación de Pontevedra, que se pode visitar ata o 31 de agosto no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

Pontevedra, 10 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta tarde na inauguración da nova exposición do Museo de Pontevedra, que propón un percorrido pola antiga civilización de Exipto. ‘Da vida á morte no antigo Exipto’ é o título baixo o que se presenta este proxecto expositivo promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e conformado por un total de 132 pezas procedentes do Museo Exipcio de Florencia, que prestou temporalmente parte das súas coleccións para esta mostra.

No acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da exposición para comprender mellor unha das civilizacións máis prósperas da historia da humanidade, así como o valor artístico e histórico das pezas que, ata o 31 de agosto, se exhiben no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Tamén interviron na presentación da mostra a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; a directora do Museo Exipcio de Florencia, Cristina Guidotti, e Francisco Martín, comisario, xunto co Teresa Bedman, da mostra.

A montaxe da exposición permítelle ao visitante realizar un percorrido polo mundo exipcio antigo, polos deuses, os reis, as crenzas e tamén pola vida cotiá dos seus habitantes a través dun conxunto de 132 pezas. Gran parte delas foron levadas a Italia pola expedición científica enviada a Exipto o 31 de xullo de 1828, organizada baixo a protección do rei Carlos X de Francia e do Gran Duque Leopoldo II de Toscana, co fin de afondar no estudo dos xeroglíficos e recompilar documentos sobre esta civilización antiga.
 

Comparte