Nova: Ponse en marcha a sala de arqueoloxía do Museo Casa do Patrón

20/02/2016

Ponse en marcha a sala de arqueoloxía do Museo Casa do Patrón

Trátase dun proxecto cultural pioneiro para a posta en valor do patrimonio local

Lalín (Pontevedra), 20 de febreiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na inauguración da Sala de Arqueoloxía da Aurelia do Castro de Doade, no auditorio do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda. O conselleiro estivo acompañado no acto polo presidente da Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón e director do propio centro, Manuel Blanco Villar, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez Peña, o director das escavacións no xacemento de Doade, Erik Carlsson-Brandt Fontán, e o arqueólogo David Fernández.

Román Rodríguez destacou na súa intervención a importancia do traballo que desde a Casa do Patrón se vén realizando en prol da cultura da comarca do Deza, e que ten efectos positivos tanto para o turismo como para a economía local. O conselleiro explicou que, froito da autorización do depósito autorizado pola Xunta de Galicia, a iniciativa liderada desde a Casa do Patrón para abrir esta Sala de Arqueoloxía é hoxe un proxecto pioneiro na posta en valor do patrimonio arqueolóxico no ámbito rural galego.

Coa apertura deste espazo achegaráselle á xente o seu pasado, non só contándolle como puido ter sido, senón amosándolle no seu contexto inmediato pezas reais que formaron parte da vida cotiá dos habitantes desta terra hai máis de 2.000 anos.

Máis de 3.500 pezas para coñecer a historia
Nesta nova sala expóñense en dúas vitrinas os fragmentos de pezas máis representativos dos 3.521 achados das catas realizadas na Aurela do Castro. Trátase de pescozos, galbos, líticos, diversos materiais metálicos e restos de pallabarro das vivendas, etc. Todos estes materiais foron datados entre os séculos IV e I a.C. Así mesmo, amósanse distintas réplicas de cacharros localizados noutros castros galegos, láminas explicativas e maquetas e recreacións que achegan dun xeito didáctico ao visitante a vida castrexa.

A maiores, na sala pódese comparar a cerámica de fai máis de 20 séculos coa de fai 100 anos, ao terse instalado un andel con cerámica dos catro centros artesáns aínda vivos en Galicia: Bonxe, Buño, Gundivós e Niñodaguia. Finalmente, este novo espazo museal conta cun local dedicado a almacén para o resto de pezas non expostas e ten un deseño adecuado para a mostra e almacenamento dos materiais de vindeiras actuacións.

Colaboración transversal
A colaboración da Consellería con esta institución museística non se limita a este depósito autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e ao asesoramento técnico realizado desde o servizo de Museos. Adicionalmente, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) ten en depósito no Museo Etnográfico Casa do Patrón un total de 74 pezas entre fondo material e pezas bibliográficas coas que se recrean aulas históricas.

Ademais, Cultura e Educación e o Museo teñen renovado o pasado outubro un protocolo de colaboración co fin de difundir e potenciar a etnografía e tradicións galegas entre o alumnado desde o propio complexo centro. Así, a Asociación ofrece visitas guiadas aos escolares polos tres edificios dedicados á exposición permanente, constituída por máis de 4.500 pezas que representan profesións tradicionais.

Finalmente, tamén ao abeiro deste proxecto, desenvólvense diferentes actividades formativas dirixidas ao alumnado das distintas etapas educativas, así como labores de difusión dos traballos tradicionais e accións que axuden a complementar a formación do profesorado neste eido.
 

Comparte