Nova: O custo das actuacións sobre as fachadas do Gaiás é asumido polas construtoras

23/02/2016

O custo das actuacións sobre as fachadas do Gaiás é asumido polas construtoras

Os traballos teñen por obxecto mellorar a suxeición da cuarcita das fachadas e acométense agora que os edificios aínda están en garantía

A Fundación Cidade da Cultura destaca que se adoptaron, desde o primeiro momento, todas as medidas para garantir a seguridade dos traballadores e visitantes
 

Santiago, 23 de febreiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere destacar que a revisión que se está a levar a cabo sobre as fachadas de tres dos catro edificios da Cidade da Cultura desde finais do verán pasado non supón custo algún para as arcas públicas nin, polo tanto, para os galegos, e ten como obxectivo mellorar a suxeición da cuarcita que reviste a fachada exterior. Trátase, por tanto, dun exercicio de responsabilidade que consiste en velar polo bo estado dos edificios. Ata o punto de que se puido facer unha revisión parcial pero a Consellería preferiu ir ao máximo de control posible, aproveitando a andamiaxe xa instalada, o feito de que os edificios están en garantía e que, consecuentemente, a operación non supón desembolso algún dende a Xunta.

Cómpre salientar, así mesmo, que estes traballos non están a afectar o normal funcionamento da Cidade da Cultura, nin o desenvolvemento do seu programa cultural. Ademais, o custo destas actuacións está sendo asumido integramente polas construtoras xa que os edificios se atopan en garantía.

A Fundación Cidade da Cultura subliña ademais que estas necesidades de mellora están relacionadas co proceso construtivo e non co deseño arquitectónico e tampouco coa calidade dos materiais empregados. Os traballos emprendéronse despois de que, no curso de controis periódicos aos que se someten estes edificios, foran advertidas necesidades de mellora de estabilidade en 62 pezas (pezas que se movían, etc.). Nos últimos anos desprendéronse 8 pedras, sen que se producisen danos materiais.

Aínda que o número de 62 pezas representa menos do 0,10% das 85.000 pedras instaladas nas fachadas, a Fundación –tendo en conta que os edificios están en garantía e aproveitando a andamiaxe xa instalada- decidiu encargar unha revisión íntegra das fachadas. Os traballos nos edificios da Biblioteca e Arquivo de Galicia estarán rematados no verán e na parte visible do Museo Centro Gaiás en setembro.

A Fundación Cidade da Cultura destaca que ten tomado desde o primeiro momento todas as medidas necesarias para que non exista risco para visitantes ou traballadores, medidas que se manterán durante o curso destes traballos.

Comparte