Nova: O Womex 2016 ofrécelles aos grupos galegos a oportunidade de actuar na selección oficial, no escenario local e en Focus GalicianTunes
23/02/2016
O Womex 2016 ofrécelles aos grupos galegos a oportunidade de actuar na selección oficial, no escenario local e en Focus GalicianTunes
As bandas e artistas interesados poden remitir as súas candidaturas ata o 15 de abril a través da plataforma en liña womex-apply.com, que tamén está operativa para a inscrición de filmes e conferencias
A programación oficial será elixida polo xurado internacional coñecido como Os Sete Samurais e do que este ano forma parte o galego Vítor Belho
A Agadic organizará unha nova edición de Focus GalicianTunes, que seleccionará entre as propostas galegas o programa especial de ‘showcases’ aos que asistirá unha destacada representación de programadores internacionais nos días previos a Womex
Santiago, 23 de febreiro de 2016.- As bandas e solistas galegos terán a oportunidade de actuar en Womex 2016 como parte da selección oficial e do escenario local Atlantic Connections, así como de participar na nova edición do programa Focus GalicianTunes, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como iniciativa paralela a este gran mercado das músicas do mundo.
A Xunta de Galicia, xunto co Concello de Santiago repite este ano como entidade patrocinadora desta World Music Expo que, tras o éxito da edición de 2014, volve organizar en Compostela do 19 ao 23 de outubro a empresa alemá Piranha Musik coa galega Nordesía Producións como ‘local partner’.
Tres vías de participación
Para ter acceso a estas tres posibilidades de selección, os músicos galegos deberán achegar as súas propostas ata o 15 de abril a través da plataforma en liña womex-apply.com, de acordo coa convocatoria aberta a toda a comunidade internacional da ‘world music’. Ademais, os rexistros realizados antes do 18 de marzo obterán un desconto nas tarifas que aplica a organización da feira. Este é o primeiro paso cara á configuración da programación de ‘showcases’, sesións de DJ’s, conferencias e proxeccións da edición de 2016, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e na Cidade Vella de Santiago de Compostela.
Unha vez rematado este prazo, Os Sete Samurais –xurado internacional nomeado cada ano por Womex– serán os encargados de elixir a chamada selección oficial. O galego Vítor Belho, de Nordesía, forma parte do comité de ‘showcases’ xunto a Alexandra Archetti Stølen (Arxentina/Noruega), Oliver Carruthers (Reino Unido), Riza Okcu (Turquía) e Jun-Lin Yeoh (Malasia), mentres que as conferencias correspóndenlle a Consuelo Arbelaez (Colombia /Italia) e a Jens Cording (Alemaña).
Conexión atlántica
Outra comisión designada por Womex encargarase, á súa vez, de elixir entre todas as propostas recibidas en prazo a carteleira que se despregará no chamado escenario local que, como en 2014, levará o nome de Atlantic Connections para acoller grupos e solistas de toda a Península Ibérica e América Latina.
A través desta selección para os escenarios principais desta World Music Expo, a música galega aspira a obter unha relevante presenza na programación artística da edición de 2016, revalidando así o fito que supuxo contar con tres artistas nos ‘showcases’ oficiais de 2014: o cantante Davide Salvado dentro da selección oficial internacional e a cantante Uxía e o zanfonista Germán Díaz no Atlantic Connections.
Protagonismo galego
Así mesmo, de entre todas as propostas galegas inscritas na plataforma womex-apply.com sairán os nomes dos grupos e artistas que terán a oportunidade de participar no Focus GalicianTunes, unha iniciativa que a Agadic desenvolveu por vez primeira con motivo da anterior edición de Womex e a través da que se busca atraer a Galicia durante os días previos á feira unha selecta representación dos programadores, mánagers e axentes acreditados. O adianto da súa viaxe a Santiago permitiralles coñecer diferentes puntos da nosa Comunidade, asistir a foros profesionais, visitar espazos culturais, gozar da nosa gastronomía e presenciar unha serie de ‘showcases’ especialmente deseñados para a ocasión e protagonizados en exclusiva por músicos galegos.
En 2014, foron 27 os xestores que participaron neste programa en representación de destacados festivais, circuítos e espazos culturais de 16 países dos catro continentes. Durante a súa estadía en Galicia, asistiron a un total de 12 concertos en formato ‘showcase’, protagonizados por outros tantos intérpretes e grupos galegos e nalgúns casos abertos tamén ao público.
Ademais de á carteleira artística e aos labores organizativos e de produción, a participación galega nesta nova edición de Womex estenderase ao recinto feiral que se instalará no Museo Centro Gaiás. Alí a marca GalicianTunes volverá contar cun espazo propio para a difusión da actualidade musical galega, que tamén porá a disposición das empresas galegas inscritas. A organización ten previsto abrir o vindeiro mes de abril o prazo de rexistro para profesionais.