Nova: Cultura e Educación colga o cartel de “entradas esgotadas” para o concerto de Chick Corea e Stanley Clarke no Gaiás

11/07/2014

Cultura e Educación colga o cartel de “entradas esgotadas” para o concerto de Chick Corea e Stanley Clarke no Gaiás

Os dous mestres do jazz actuarán o sábado 26 de xullo no Museo Centro Gaiás co espectáculo ‘The songs of Return to Forever’

As localidades, que custaban desde os 14€ as máis caras aos 10€ as máis baratas, esgotáronse en menos dun mes

Santiago, 11 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de colgar o cartel de “entradas esgotadas” para o concerto que Chick Corea e Stanley Clarke ofrecerán o sábado 26 de xullo no Museo Centro Gaiás. As entradas, que ían desde os 14€ as máis caras aos 10€ as máis baratas, vendéronse en menos dun mes desde o anuncio da actuación o pasado 18 de xuño.

A actuación destes dous mestres do jazz, que terá lugar o 26 de xullo a partir das 21:00 horas, é duns pratos fortes da programación da Cidade da Cultura para este verán. Creadores nos anos 70 de Return to Forever –unha das bandas máis determinantes do chamado jazz fusión, que incorporaba elementos do rock seguindo o camiño pioneiro marcado por Miles Davis-, Corea e Clarke reencóntrase sobre o escenario do Gaiás en formato dúo co espectáculo ‘The songs of Return to Forever’.

Dúas traxectorias de éxito
Ademais de dirixir os seus propios tríos e cuartetos, Chick Corea participou nalgunhas das bandas que deixaron unha pegada máis profunda no jazz moderno, como a de Miles Davis na época de Bitches Brew, Return to Forever ou Circle, conxunto coliderado co multiinstrumentista Anthony Braxton. Compuxo numerosas pezas convertidas en clásicas, como Spain, La fiesta e Windows, grabou decenas de discos e fixo unha contribución sobresainte á historia do jazz.

Stanley Clarke, gañador de varios premios Grammy e galardoado en 2006 co premio a toda unha carreira da revista Bass Player, é considerado un dos máis influentes baixistas eléctricos da historia do jazz. Cando se trasladou a Nova York desde a súa nativa Filadelfia en 1971, empezou tocando o contrabaixo con líderes recoñecidos como Pharoah Sanders, Horace Silver, Art Blakey, Gil Evans, Joe Henderson e Stan Getz. Moi cedo asociouse con Chick Corea para fundar Return to Forever e destapouse como un enérxico baixista. Durante a súa estancia na banda, Clarke publicou algúns discos pola súa conta, como a súa xoia School Days (1976). Entre os discos máis destacados da súa época post-RTF están If This Bass Could Only Talk (1988) e The Toys of Men (2007).

Comparte