Nova: Comezan os preparativos dos XIV Premios Mestre Mateo

29/02/2016

Comezan os preparativos dos XIV Premios Mestre Mateo

A Agadic e a Academia Galega do Audiovisual colaboran no desenvolvemento de diferentes actividades vinculadas á décimo cuarta edición destes galardóns

A través deste apoio búscase recoñecer e estimular o labor que desenvolve o sector en Galicia en 25 categorías de produción e profesionais, ás que se presentaron 96 obras estreadas durante 2015

  • Jacobo Sutil e Carlos Ares asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diferentes actividades vinculadas á décimo cuarta edición destes galardóns Jacobo Sutil e Carlos Ares asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diferentes actividades vinculadas á décimo cuarta edición destes galardóns
  • Jacobo Sutil e Carlos Ares asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diferentes actividades vinculadas á décimo cuarta edición destes galardóns Jacobo Sutil e Carlos Ares asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diferentes actividades vinculadas á décimo cuarta edición destes galardóns

Santiago, 29 de febreiro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis coa Academia Galega do Audiovisual (AGA) no desenvolvemento dos Premios Mestre Mateo, cuxa décimo cuarta edición culminará o vindeiro 23 de abril coa gala de entrega que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Academia, Carlos Ares, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria destes galardóns: os encontros Mestre Mateo, o acto de comunicación e xuntanza de finalistas, a propia cerimonia de entrega, a proxección das obras finalistas e gañadoras en distintas cidades ou a colaboración con outras entidades homólogas do resto do Estado forman parte do programa de actividades desta décimo cuarta edición.

Maior visibilidade social
Tal e como se recolle no documento rubricado hoxe, o obxectivo último deste apoio é impulsar a visibilidade social do labor desenvolvido polo sector audiovisual en Galicia durante 2015. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocaron 25 categorías divididas en dúas modalidades (de produción e profesionais), para as que este ano se conta cun total de 96 obras presentadas e 518 profesionais participantes.

No mesmo convenio, recoñécese o traballo desenvolvido pola Asociación Galega do Audiovisual como entidade organizadora destes galardóns, que “poñen en valor a profesionalidade e calidade dun sector en auxe en Galicia, avaladas polos excelentes resultados de crítica, audiencia e público das películas, series, tv movies e programas realizados e que converten os axentes implicados (actores, guionistas, presentadores, técnicos, directores, produtores...) en referentes tanto dentro como fóra de Galicia”.

Ademais, a gala de entrega dos Mestre Mateo, que cada ano transmite Televisión de Galicia, vén incrementando progresivamente as súas cotas de audiencia, reflectindo deste xeito o apoio do público galego ao noso audiovisual. Nestes momentos, a xunta directiva da AGA traballa xa na cerimonia do 23 de abril, pensada como un espectáculo televisivo no que a tecnoloxía xogará un papel fundamental e para o que se contará coa colaboración de numerosos e moi coñecidos rostros tanto da pequena como da gran pantalla.

Comparte