Nova: A Xunta e a Fegamp abordan o canon polo préstamo bibliotecario de obras con dereitos
02/03/2016
A Xunta e a Fegamp abordan o canon polo préstamo bibliotecario de obras con dereitos
A remuneración ás entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual será obxecto do próximo Consejo de Cooperación Bibliotecaria
Santiago, 2 de marzo de 2016.- O canon polo préstamo de obras con dereitos de autor nas bibliotecas públicas centrou a reunión que mantiveron hoxe na capital galega o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García; e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.
O Goberno galego e a federación abordaron no encontro as próximas actuacións que se levarán a cabo para avanzar na xestión da remuneración polo servizo de préstamo público de obras obxecto de propiedade intelectual. O tema será tratado este mes de marzo no Consejo de Cooperación Bibliotecario polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polos representantes dos gobernos autonómicos e mais pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
No exercicio das súas competencias en materia de coordinación da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo favorecer o acordo entre as entidades locais galegas titulares de centros que ofrecen este servizo de préstamo e as entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual, co fin de que se establezan os criterios de remuneración de acordo co actual marco normativo.
Marco normativo
A Lei de propiedade intelectual establece, desde o ano 2007, a obriga dos titulares dos museos, bibliotecas, fonotecas, filmotecas, hemerotecas ou arquivos de titularidade pública de remunerar os autores polos préstamos que realicen das súas obras na contía que se determine mediante Real decreto, a través das entidades de xestión dos dereitos de propiedade intelectual.
En agosto de 2014 publicouse o Real Decreto 624/2014, do 18 de xullo, polo que se desenvolve o dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados en determinados establecementos accesibles ao público. Este marco normativo establece que a dita remuneración a deben realizar os titulares dos establecemento referidos. No que respecta ás bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia cómpre indicar que a Biblioteca de Galicia, de titularidade autonómica da Xunta de Galicia, non xera o dereito de remuneración por préstamo, xa que a consulta in situ de calquera tipo de obra na propia biblioteca está fóra do pago do canon.