Nova: Nova sesión das V Xornadas de Teatro Internacional da Rúa

11/07/2014

Nova sesión das V Xornadas de Teatro Internacional da Rúa

A compañía portuguesa Tef Teatro Experimental Flaviense inicia a recta final da programación, que tamén inclúe a La Caja de Pandora e Pisabarros de Veigamuiños.

  • Cartel das V Xornadas de Teatro da Rúa Cartel das V Xornadas de Teatro da Rúa

A Rúa (Ourense), 11 de xullo de 2014.- A localidade ourensá da Rúa acolle esta noite unha nova sesión das súas V Xornadas de Teatro Internacional, promovidas pola asociación cultural A Ruada co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Concello da Rúa. En representación do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará no acto de apertura desta sesión, que dará comezo ás 21:30 horas no Centro Cultural Avenida.

A noite teatral correrá a cargo da compañía portuguesa Tef Teatro Experimental Flaviense. As xornadas de teatro afeccionado da Rúa desenvolveranse tamén na fin de semana. O sábado día 12, ás 21:30 horas, La Caja de Pandora, de Verín levará a escena a obra Perseguindo un soño, mentres que o domingo 13 terá lugar a gala de peche. Esta sesión contará, a partir da mesma hora, coas actuacións de Pisabarros de Veigamuiños, coa obra Cincocentos anos e un día, e mais do grupo de música e baile tradicional Abertal. Finalmente, San Clodio Teatro será o protagonista da derradeira sesión, o sábado 19 de xullo ás 21 horas.

As compañías de teatro afeccionado A Ruada, Gargallada, Xaime Prada, AMBI-COCEMFE, Morea Show, Prodeme, Candea Teatro, TEF Teatro Experimental Flaviense, La Caja de Pandora, Pisabarros e San Clodio Teatro conforman o cartel da quinta edición das xornadas, que botaron a andar o pasado 27 de xuño.

Apoio ao teatro afeccionado
No ámbito da difusión das artes escénicas, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad impulsa o apoio ao teatro afeccionado, liña de actuación na que se enmarca o convenio a través do cal a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) para a organización e desenvolvendo do Circuíto Galego de Teatro Amador.
 

Comparte