Nova: A VI Festa da Palabra recorda a Eduardo Blanco Amor no 35.º cabodano do seu falecemento
12/07/2014
A VI Festa da Palabra recorda a Eduardo Blanco Amor no 35.º cabodano do seu falecemento
O conselleiro cualificou de acerto honrar o autor ourensán por “ensanchar os horizontes da nosa lingua e da nosa cultura con talento, entrega total, xenerosidade e sacrificio”
O Carballiño (Ourense), 12 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas dedicada nesta ocasión a Eduardo Blanco Amor no marco do 35º aniversario do pasamento do escritor.
A Fundación, presidida polo escritor Luís González Tosar, decidiu o agosto do pasado ano homenaxear a Blanco Amor nesta edición por tratarse dunha “figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria”.
O conselleiro cualificou de acerto honrar a este autor porque “ensanchou os horizontes da nosa lingua e de nosa cultura con talento, entrega total, xenerosidade e sacrificio” ademais de por seguir as recomendacións do Parlamento que acordou por unanimidade declarar Ano Blanco Amor este 2014.
O titular do departamento de Cultura e Educación tamén aproveitou a ocasión para rememorar unhas palabras do propio Eduardo Blanco Amor: “a lingua galega será o que queriamos os galegos. Se hai vontade no pobo, como a houbo en momentos moito máis difíciles de nosa Historia, o galego pervivirá”. Deste xeito, Xesús Vázquez Abad asegurou que o mandato que deixa o escritor ourensá é claro: “Galicia é Galicia por obra e graza da súa lingua e da súa cultura”.
Premios Setecarballas
Ademais, no transcurso do acto deuse lectura á acta de concesión dos premios Setecarballas, que anualmente outorga a Fundación da Insua dos Poetas. Neste ano 2014 o galardón recaeu na Fundación Curros Enríquez de Celanova.
Na actualidade a Fundación premiada ten por obxecto promover e difundir o coñecemento da vida e obra de Manuel Curros Enríquez, así como outros escritores relacionados con Celanova. Ademais ocúpase de compilar material documental, organizar campañas informativas e levar a cabo actividades relacionadas co mundo da literatura galega e co tempo literario no que se moveron os poetas celanoveses.
A Insua dos poetas, un ambiente ideal
Co gallo desta celebración, a paraxe da Insua dos Poetas conta xa cunha nova escultura, nesta ocasión erixida polos artistas ourensáns Acisclo Manzano e Acisclo Novo, alegórica á obra do escritor Blanco Amor e conforme ao espírito da fundación de manter un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza.
Xunto co conselleiro, ao acto tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Gómez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o presidente da Fundación da Insua dos Poetas, Luís González Tosar.