Nova: A Agadic convoca as axudas de 2016 á produción e coprodución audiovisual

08/03/2016

A Agadic convoca as axudas de 2016 á produción e coprodución audiovisual

Posibilítase o acceso de xeito anticipado ao 85% da contía concedida e suprime a necesidade de aval para adiantos superiores a 18.000 euros

Increméntase a intensidade das axudas para proxectos en versión orixinal galega, coproducións europeas e primeiras longametraxes de directores que non superen os 300.000 euros de orzamento 

Santiago, 8 de marzo de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2016. As bases deste ano, segundo as que se mantén a dotación global de dous millóns de euros, introducen unha importante reestruturación do sistema de pagamentos anticipados co obxectivo de dar resposta ás demandas do sector no sentido de reducir a carga financeira que asumen as empresas durante o proceso de produción.

Con tal fin, o Consello da Xunta aprobou a introdución dunha excepción á Lei de Subvencións de Galicia, de acordo coa que se suprime a obrigatoriedade de constituír garantías ante o adianto de cantidades que superen os 18.000 euros e se abre a posibilidade de acceder a un 85% do importe da subvención de xeito anticipado.

Impulso ás novas empresas e á versión orixinal
Esta actuación, que asocia os pagos anticipados das subvencións á acreditación previa do financiamento do proxecto por parte da produtora, busca así mesmo impulsar as novas empresas, reducindo as súas dificultades tanto para a obtención de avais como para o acceso ao crédito bancario.

Entre as novidades da convocatoria de 2016 sobresae, así mesmo, o incremento na intensidade destas axudas para producións en versión orixinal galega, para coproducións europeas e para os primeiros proxectos de directores que non superen os 300.000 euros de orzamento. Nestes supostos a axuda poderá chegar ata o 60% do importe subvencionable, fronte ao 50% no que se sitúan o resto dos casos.

Cinco modalidades
As bases deste ano manteñen cinco modalidades de axuda, con cadanseu subapartado para os diferentes tipos de produtos audiovisuais que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción, de animación, documentais, curtas (ficción, animación e documentais) e producións ou coproducións destinadas a ser emitidas por televisión.

En canto á modalidade A, establécese a distinción entre as longametraxes de autoría galega (aquelas nas que dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo, conten con máis de dous anos de actividade profesional acreditada en Galicia) e as que, mesmo sen dispoñer desta condición, contribúen a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego e posúen, ao tempo, un especial valor cinematográfico, cultural e social. Nesta categoría valorarase igualmente a vocación e capacidade de internacionalización dos proxectos presentados.

As longametraxes cinematográficas de animación e as documentais con especial valor cinematográfico son o obxecto das modalidades B e C, mentres que a D céntrase no apoio á produción de curtas de autoría e versión orixinal galega, para a que se reservan especificamente 60.000 euros do orzamento total destas axudas.

Por último, a modalidade E destínase a impulsar a realización de longametraxes e miniseries de ficción, longas documentais e series de animación infantil e xuvenil para ser emitidas por televisión.

O orzamento destinado ás categorías A, B, C e E distribúese en tres anualidades e, como outra novidade nesta convocatoria, dedícase un maior esforzo económico á segunda delas para coincidir co período no que previsiblemente se iniciarán as rodaxes.

Prazo de solicitude
Como nas convocatorias anteriores, esta liña de apoio está dirixida ás produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima dun ano e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. As solicitudes poden presentarse na Agadic desde mañá e ata o vindeiro 8 de abril, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), pero tamén en soporte papel mediante calquera dous outros medios que se especifican na convocatoria. As subvencións resolveranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, a partir da valoración dos proxectos presentados por parte dunha comisión e de acordo co baremo de puntuacións establecido nas bases.

O DOG tamén pública hoxe outra das convocatorias do programa anual de subvencións ás industrias culturais desenvolvido pola Agadic: as subvencións a festivais de artes escénicas e de música, para as que se dispón dunha dotación de 390.000 euros (220.000 euros para festivais de música e 170.000 euros para os de artes escénicas).

Comparte