Nova: O programa de actividades do 150 aniversario de Valle-Inclán terá continuidade en 2017

09/03/2016

O programa de actividades do 150 aniversario de Valle-Inclán terá continuidade en 2017

O amplo e diverso calendario de iniciativas conmemorativas procuran revisar e poñer de actualidade a figura poliédrica do escritor

  • Logotipo do 150 aniversario de Valle Inclán Logotipo do 150 aniversario de Valle Inclán

Santiago, 9 de marzo de 2016.- As actividades coas que Galicia celebra este ano o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán van ter continuidade en 2017, cun horizonte do mes de outubro como “remate simbólico” da conmemoración, coincidindo co mes do nacemento do escritor. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Parlamento de Galicia, onde compareceu para responder unha pregunta da Comisión 4ª de Cultura e Educación sobre as liñas de acción da Xunta de Galicia para potenciar a figura de Valle-Inclán, e sobre a coordinación entre as administracións e as entidades de referencia no ámbito cultural para desenvolver a programación conmemorativa.

Unha celebración coordinada e colectiva
A este respecto, Anxo Lorenzo destacou que desde o primeiro momento se levou a cabo unha acción coordinada coas principais institucións vinculadas coa figura do escritor para planificar o programa de actividades, das que salientou a súa diversidade de temas e de formatos. Nese sentido explicou que a programación lle achegará á cidadanía a obra do escritor a través das artes escénicas, do audiovisual, da poesía, da música e do patrimonio cultural con diferentes propostas, entre as que se inclúen obradoiros, contacontos, edicións conmemorativas, recursos tecnolóxicos, proxectos expositivos, roteiros, charlas divulgativas, recitais e lecturas públicas.

Estas propostas multidisciplinares, segundo precisou, “van conseguir transmitir socialmente unha revisión de Valle-Inclán e poñer de actualidade a figura poliédrica e diversa do escritor”. Así mesmo, convidou a cidadanía no seu conxunto a participar nesta celebración e recordou outras conmemoracións centrais da axenda cultural de 2016. Entre elas mencionou o centenario do premio Nobel galego Camilo José Cela e o centenario tamén da fundación das Irmandades da Fala, para o que se deseñou un programa colectivo que se dará a coñecer, segundo anunciou, a próxima semana.

Unha programación multidisciplinar
Diversas actividades conforman o programa conmemorativo dos 150 anos do nacemento de Valle-Inclán, sobre o que o secretario xeral de Cultura fixo un breve repaso durante a súa intervención. En canto ás propostas de difusión social e de dinamización dos espazos literarios do escritor, referiuse aos roteiros e iniciativas de sinalización en lugares con vínculos familiares, biográficos e simbólicos co dramaturgo, xunto con lecturas públicas e a realización de novos recursos para as casas-museos do escritor en Galicia, como unha guía para coñecer a riqueza destes dous centros.

Recordou tamén as propostas audiovisuais, con ciclos de cine para se achegar á obra do escritor a través da pantalla, e o especial protagonismo das artes escénicas, da man de Quico Cadaval, da compañía Títeres Cachirulo, da Escola de Teatro Valle-Innova e do centro de creación escénica de Madrid Teatro de La Abadía.

A programación expositiva é outro dos eixos principais da celebración, entre a que destaca o proxecto da Cátedra Valle-Inclán da USC baseado en tres mostras sobre diversos aspectos da vida e obra do dramaturgo.

Publicacións conmemorativas, iniciativas no ámbito educativo, propostas gastronómicas e novos recursos na rede, onde estará accesible todo o fondo do Arquivo Dixital do Gruo Valle-Inclán USC, completan as liñas centrais da programación desta efeméride, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, polos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, polas casas-museo Valle-Inclán en Galicia, polo Consello da Cultura Galega, pola Asociación Amigos de Valle-Inclán, pola Fundación Valle-Inclán, polo Centro Galego de Artes da Imaxe, pola Deputación de Pontevedra e mais pola Universidade de Santiago de Compostela.

Acordo parlamentario
O pasado mes de novembro de 2015, o Parlamento de Galicia acordaba por unanimidade instar a Xunta de Galicia “a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais que se realicen para a conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán no ano 2016, por medio dunha programación cultural conxunta, acorde coa relevancia desta efeméride, que poña de relevo a súa excepcional figura, obra e legado, e que trate de involucrar as principais institucións culturais galegas e entidades relacionadas con este autor, así como o conxunto da nosa sociedade”.

Comparte