Nova: A compañía galega La Macana estrea na Casa da Danza de Düsseldorf a peza Invisible Wires
10/03/2016
A compañía galega La Macana estrea na Casa da Danza de Düsseldorf a peza Invisible Wires
A formación de Caterina Varela e Alexis Fernández presenta unha creación do coreógrafo cubano Julio César Iglesias Ungo, con música orixinal en directo do belga Niko Hafkenscheid
O espectáculo chegará en abril a Galicia para desenvolver representacións no Teatro Rosalía Castro da Coruña (, no Pazo da Cultura de Carballo e no Salón Teatro de Santiago de Compostela
Santiago, 10 de marzo de 2016.- La Macana, a compañía galega de danza integrada polos creadores Caterina Varela e Alexis Fernández, estrea mañá no Tanzhaus de Düsseldorf (Alemaña) ‘Invisible Wires’, o seu novo espectáculo para o que contou coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como institución coprodutora.
Con sete anos de vida, La Macana posúe unha ampla traxectoria fóra de Galicia, xa que os seus traballos puideron verse en máis de vinte países. ‘Invisible Wires’ sitúase neste marco de desenvolvemento internacional da compañía, que colabora nesta ocasión con Julio César Iglesias Ungo (coreógrafo cubano afincado en Alemaña) e coa música orixinal e en directo do compositor belga Niko Kafkenscheid.
Trátase dunha peza para seis bailaríns (Alexis Fernández, Tanja Marin Friojónsdóttir, Niko Hafkenscheid, Janis Heldmann, Jacob Ingram-Dodd e Dymitry Szypura) que conta, ademais, co deseño de iluminación asinado polo galego Afonso Castro.
Proxección da danza feita en Galicia
Para a Agadic, organismo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a participación neste proxecto insírese nas accións de promoción e difusión da danza, así como nas de proxección exterior dos servizos e produtos culturais galegos. Presta deste xeito o seu apoio a esta proposta xunto a outras estruturas e espazos xermánicos como o Kunststiftung NRW, o Theater Pumpenhaus ou o propio Tanzhaus NRW, ademais do Teatro Rosalía Castro da Coruña, escenario que acollerá a estrea en Galicia.
A través de La Macana, a danza actual producida na nosa Comunidade exhibirase na Tanzhaus NRW, a recoñecida ‘casa da danza’ de Düsseldorf que leva máis de dúas décadas apoiando e programando diferentes artistas internacionais cara á súa maior visibilidade no ámbito europeo.
Trala súa estadía de dous días en Düsseldorf (11 e 12 de marzo), ‘Invisible Wires’ chegará a Galicia para se representar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o venres 1 de abril; no Pazo de Cultura de Carballo, o sábado 2; e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o domingo 3.