Nova: A fronteira infinda amosa unha selección de obras plásticas realizadas por emigrantes galegos no exterior
10/03/2016
A fronteira infinda amosa unha selección de obras plásticas realizadas por emigrantes galegos no exterior
A mostra recolle un conxunto de manifestacións plásticas realizadas por 20 artistas galegos fóra de Galicia ao longo do pasado século
Ourense, 10 de marzo de 2016.- A cidade de Ourense acolle ata o vindeiro 12 de xuño a mostra “A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración nas Coleccións de Arte Afundación e ABANCA”, unha selección de obras plásticas realizadas polos emigrantes galegos no exterior ao longo do pasado século. A exposición -que pode visitarse xa na sede de Afundación- foi presentada hoxe nun acto no que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; o presidente de Afundación e director xeral de RSC e de comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet; e o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez. Tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez explicou que, ademais das consecuencias sociais e económicas, o fenómeno migratorio galego “deixou unha fonda pegada na nosa cultura”, e tivo unha gran relevancia cultural, sobre todo en América, “onde agromaron un bo número de iniciativas relacionadas coa arte e a literatura”.
Segundo dixo, a presenza no exterior de destacados intelectuais emigrados e exiliados, e o xurdimento de asociacións culturais e sociais nas principais capitais da emigración supuxeron dous fitos importantes na medida en que axudaron a manter a galeguidade no exterior e contribuíron ás vangardas intelectuais e artísticas dos países de residencia. “Polo tanto, -engadiu o conselleiro- a súa presenza enriqueceu a nosa proxección cultural no exterior, do mesmo xeito que a produción intelectual e artística tivo tamén a súa influencia no interior de Galicia”.
“A fronteira infinda” achéganos unha escolma de 45 obras de arte realizadas por 20 creadores galegos en América e Europa ao longo do século XX. A través das obras expostas podemos facer un repaso do que supuxo o fenómeno da emigración no exilio desde o punto de vista plástico, coñecer o seu alcance e lembrar a figuras como Castelao, Seoane, Colmeiro, Díaz Pardo, os irmáns Granell, Maruja Mallo, Laxeiro, Nóvoa e Jorge Castillo, entre outros.