Nova: Convócase o III Premio Pegada de Teatro Radiofónico

11/03/2016

Convócase o III Premio Pegada de Teatro Radiofónico

Convocado pola Escola Superior de Arte Dramática, conta coa colaboración da Agadic, que entregará como dotación do galardón un lote de cen libros sobre creación e investigación teatral

O prazo de recepción de orixinais, que deben ser inéditos e estar escritos en galego, mantense aberto ata o 4 de abril

  • Cartel do Premio Cartel do Premio

Santiago, 11 de marzo de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa terceira edición do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico, que convoca a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) co obxectivo de promover a creación dramática en galego e a recuperación do formato de radio-teatro en Galicia.

A Agadic mantén a súa contribución a este galardón mediante a entrega como dotación dun cento de libros pertencentes ao seu fondo bibliográfico. O premio contempla, así mesmo, a gravación e emisión do texto seleccionado por Radio Redondela que, xunto ao IES Audiovisual de Vigo, colabora tamén nesta convocatoria do Departamento de Normalización Lingüística da ESAD.

Requisitos
O premio ábrese a todas as persoas interesadas, que teñen ata o vindeiro 4 de abril para presentar as súas pezas. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega. A temática é libre, aínda que non poderán presentarse adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa entre cinco e dez minutos.

O xurado, integrado por profesorado da ESAD, valorará a calidade dramática e sonora na concepción do texto, así como o risco das propostas e as súas resolucións do espazo sonoro, tendo en conta que a obra premiada será emitida por Radio Redondela coincidindo cos actos conmemorativos dos días mundiais da danza e o teatro. Con este fin, os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos etc.

Entre os libros que a Consellería e Educación facilitará á ESAD para a dotación deste premio figuran tanto obras de creación dramática como estudos de investigación, de teoría e de práctica teatral, editados entre 1988 e 2013 a través de distintas coleccións, como son a Biblioteca de Teatro (Serie Grandes Manuais, Serie Manuais e Serie Breviarios), Biblioteca Dramática Galega, Barriga Verde, Escena Aberta, Centro Dramático Galego, Os libros do Centro Dramático Galego e Biblioteca Pillado Mayor.

O gañador da primeira convocatoria do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico foi Ernesto Suárez Is coa peza ‘Do material do que están feitos os soños’, mentres que o ano pasado recaeu en Julio Peláez coa obra ‘A cunquiña’.

Comparte