Nova: Preto de 30 autores e autoras serán os protagonistas da programación galega na Feira do Libro de Buenos Aires

11/03/2016

Preto de 30 autores e autoras serán os protagonistas da programación galega na Feira do Libro de Buenos Aires

Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño, Teresa Moure e Ángel Carrracedo entre os autores e autoras que participan na programación de actividades deste evento no que Santiago de Compostela é a cidade convidada

A Xunta de Galicia coordina este programa elaborado coa participación do Concello de Santiago e das principais entidades culturais galegas e arxentinas

  • Manuel Rivas
  • Yolanda Castaño

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016.- As autoras e os autores convidados á 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires van ser os protagonistas da programación de actividades coa que a Xunta de Galicia quere proxectar no exterior a creación literaria galega actual e do sector editorial, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, con motivo da designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na feira.

Con este obxectivo, explicou que se constituíu unha delegación de preto de 30 autores e de autoras con obra recente nos diferentes xéneros da escrita –do ensaio, da poesía, da dramaturxia, da narrativa e da divulgación científica– para dar “unha imaxe do sistema literario galego actual na súa diversidade e amplitude”, conformada por Manuel Rivas, Víctor Freixanes, Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Ramón Villares, Pedro Feijoo, Domingo Villar, Xavier Queipo, Ledicia Costas, María Solar, Elena Gallego, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luís González Tosar, Cesáreo Sánchez, Xaquín del Valle-Inclán, Ángel Carracedo, Jorge Mira, Benigno Campos, Teresa Moure, Antón Lopo, Clara Gayo, Marcelino Agís, Diego Ameixeiras, Xavier Alcalá, Chus Pato e María Meijide.

O libro e os escritores galegos, eixo central
Esta delegación de autores e de autoras, que se axusta, segundo explicou, ás posibilidades orzamentarias actuais e que está coordinada co Concello de Santiago de Compostela, vai ser o “epicentro” da programación de actividades, destinada “a proxectar a creatividade actual no ámbito da literatura, a poñer en valor o patrimonio literario e cultural galego e a establecer pontes de diálogo e de oportunidade para futuros proxectos co sector editorial e cultural arxentino”, dixo.

Para a planificación da programación, Anxo Lorenzo mencionou as xuntanzas levadas a cabo coas principais institucións culturais galegas vinculadas tanto coa creación literaria como coa edición, como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Real Academia Galega, o Centro PEN Galicia e a Asociación Galega de Editores, para coñecer as súas expectativas respecto dos formatos e das actividades a desenvolver.

Estas propostas contribuíron a deseñar, a partir do elenco de autores e de autoras, un programa de actividades que se desenvolverá no stand de Galicia, noutras salas do recinto feiral e tamén en diversos espazos da cidade, e que, segundo anunciou, se dará a coñecer en rolda de prensa o próximo día 18 de marzo.

Aínda que a programación inclúe propostas de diferentes ámbitos culturais, Anxo Lorenzo reiterou que o libro galego e os autores e as autoras convidadas serán o elemento nuclear das actividades. Para desenvolvela, a Xunta de Galicia conta en Arxentina coa implicación da colectividade galega, así como das principais institucións con responsabilidade no ámbito cultural, coas que a Secretaría Xeral de Cultura vén traballando de maneira continuada nos últimos meses, como son o Goberno da Nación, o Goberno da Cidade de Buenos Aires, a Academia Argentina de Letras, a Sociedade Arxentina de Escritores e a Embaixada de España en Arxentina.

A creación literaria galega, en primeiro plano
Anxo Lorenzo explicou que desde o momento en que se asinaron os compromisos da designación de Santiago de Compostela como cidade convidade coa Fundación El Libro, entidade organizadora da feira, a Xunta de Galicia vén traballando cunha intención clara: a de apostar por que esta oportunidade sirva para poñer en primeiro plano, nun espazo de primeira orde para a cultura e a industria editorial en América, a creación literaria galega actual e o libro galego.

A partir do vindeiro 19 de abril, no que darán comezo as xornadas profesionais, e ata o 9 de maio, Galicia contará na feira cun espazo central de 200 metros cadrados, que acollerá unha parte importante das actividades da programación, que contará cunha zona de reunións á disposición de calquera membro da delegación e que será o grande escaparate da produción editorial galega actual, para dar a coñecer unha ampla mostra das publicacións máis recentes.
 

Comparte