Nova: FalaRedes leva o espectáculo A viaxe de Rosalía a Guitiriz e a Mondariz

11/03/2016

FalaRedes leva o espectáculo A viaxe de Rosalía a Guitiriz e a Mondariz

A Casa Habanera e o Auditorio Municipal, respectivamente, acollerán senllas funcións dirixidas a público xeral desde os seis anos, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas

A actividade percorrerá ata o mes de maio outros nove concellos da Rede de Dinamización Lingüística
 

  • 'A viaxe de Rosalía' 'A viaxe de Rosalía'
  • 'A viaxe de Rosalía' 'A viaxe de Rosalía'
  • 'A viaxe de Rosalía' 'A viaxe de Rosalía'

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016.- A actividade de promoción do uso da lingua galega no tempo de lecer 'A viaxe de Rosalía' chega durante esta fin de semana aos concellos de Guitiriz e Mondariz, da man do programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación. Dirixida a público xeral desde os seis anos de idade, a peza de teatro con monicreques e música protagonizada pola actriz Larraitz Urruzola, poderase gozar na Casa Habanera (o sábado 12 de marzo) e no Auditorio Municipal (o domingo 13), respectivamente, en senllas funcións que se desenvolverán ás 18:00 horas con entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O programa 'FalaRedes' incorpora esta actividade, que presentou coincidindo coa celebración do Día de Rosalía e do Día Internacional da Muller, como segunda homenaxe á escritora galega máis universal, logo de levar no ano 2013 o espectáculo 'Rosalía pequeniña' a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia co gallo do 150º aniversario da publicación de 'Cantares gallegos'. Chegará, ata comezos do mes das letras, a 13 concellos galegos programada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

‘A viaxe de Rosalía’ a través da maxia dos monicreques
O público xeral desde os seis anos de idade que se achegue a desfrutar desta proposta, escrita e dirixida por Lucho Penabade e desenvolvida baixo xestión de Larraitz Producións Artísticas, a Guitiriz e a Mondariz durante a fin de semana, terá oportunidade de coñecer o mundo dos monicreques de mesa. E tamén de comprobar de primeira man como as vivencias da infancia de Rosalía influíron notablemente na vida adulta da escritora que deixou unha pegada imborrable na lingua e na cultura de noso.

'A viaxe de Rosalía' é a segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes 2016'. Este coidado espectáculo achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.

Seguintes paradas: Padrón e A Lama
O Auditorio Municipal de Padrón acollerá o vindeiro sábado 19 de marzo unha nova entrega desta actividade. Esa mesma fin de semana, ‘A viaxe de Rosalía’ fará parada tamén no municipio da Lama. Neste caso a actuación terá lugar na Casa do Pobo da localidade. Nos dous casos está programada para as 18:30 horas.

Posteriormente, durante os meses de marzo, abril e maio, a peza proseguirá por outros sete concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18:30 horas. Ata esa data, o espectáculo 'A Viaxe de Rosalía' ten programada a súa presenza nos concellos Curtis, Mondoñedo, Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
 

Comparte